DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este sábado e domingo na piscina Rosario Dueñas de Ourense

O Club Natación Escualos Campus da Auga acada o quinto posto no Campionato Galego de Verán de Natación Máster

Dúas nadadoras do equipo bateron tres récords galegos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 04/06/2018

Un quinto posto e 12 medallas de ouro, 17 de prata e 12 de bronce, ademais de bater tres récords galegos. Este é o resultado acadado esta fin de semana polo Club Natación Escualos Campus da Auga no Campionato Galego de Verán de Natación Máster que se celebrou o sábado e domingo na piscina Rosario Dueñas do Pavillón dos Remedios de Ourense. 

“Participabamos con 24 nadadoras e nadadores e conseguimos a mellor clasificación da nosa historia. Os 690 puntos conseguidos upáronnos a un espectacular quinto posto nunha clasificación formada por 24 clubs galegos”, destacan desde o Club Natación Escualos Campus da Auga. Entre os éxitos logrados, poñen en relevo os tres récords galegos acadados por Marta Mira en 200 estilos e 200 braza e por Cira Sánchez en 200 costas. Deste xeito, o equipo do Campus da Auga acadou o seu obxectivo para esta cita de mellorar o noveno posto do ano pasado. 

A próxima cita para o Club Natación Escualos Campus da Auga será a organización e participación o día 10 de xuño na proba de natación Desafío Encoro Os Peares, na que se celebrará por primeira vez o Trofeo Campus da Auga, froito dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Club Natación Escualos asinado a principios de maio para a promoción da práctica da natación entre a comunidade universitaria e a poboación preuniversitaria da contorna.