DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado desta titulación coñece de man de profesionais o traballo con menores, xuventude e maiores

Coa vista posta nas primeiras prácticas como educador social

Este curso realizarán o practicum en diferentes institucións e empresas galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 07/09/2011
Para o alumnado de terceiro curso de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación este curso académico preséntase cun aliciente a maiores dos habituais. Tralo primeiro cuadrimestre realizarán o practicum, arredor de seis semanas de prácticas en institucións e empresas. Para coñecer de primeira man en que consiste o seu exercicio profesional e as diferentes áreas nas que poden estar interesados, un grupo de traballadores sociais achegouse este martes ata o campus de Ourense para compartir nunha sesión conxunta experiencia e inquedanzas con estes estudantes e futuros compañeiros de profesión.

Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, salienta que este curso serán arredor de 75 os estudantes de Educación Social que a finais de xaneiro realizarán prácticas en diferentes entidades de toda Galicia, tal e como está contemplado no seu plan de estudos. “Coa ollada posta neste practicum e para que o alumnado vaian madurando o que quere facer, convidamos a un grupo de educadores sociais a achegarse ao campus de Ourense para explicar o traballo que realizan nos seus respectivos centros”, explica Cid.

Nesta primeira sesión, que se repetirá ao longo do primeiro cuadrimestre con outros profesionais, participaron Esther Pérez, directora dunha residencia da terceira idade en San Amaro; Eva Moldes e María José Fernández, vicepresidenta e vogal respectivamente do Colexio de Educadores Sociais de Galicia; Lito Prado, responsable do Centro Xaquín Lorenzo de Xogos Populares da Deputación de Ourense; Millán Brea, da empresa Lúcete Lecer; e o docente Miguel Ángel Vázquez. Un a un os técnicos foron presentando o seu traballo e institucións coa idea de espertar o interese dos asistentes polas súas áreas de traballo.

Antigos alumnos, novos profesionais

“Para os estudantes esta sesión é interesante non só porque coñecen de primeira man as funcións que realizan os traballadores sociais e que terán que desenvolver eles no futuro, senón tamén porque moitos dos profesionais que pasarán por estas xornadas son antigos alumnos da nosa facultade, que ao igual ca eles estiveron nestas aulas e agora están desenvolvemento a súa profesión en diferentes entidades”, destaca Xosé Manuel Cid.

A visión ofrecida por estes profesionais completarase ao longo dos vindeiros meses coa doutros educadores e permitiralle aos estudantes escoller dun xeito máis informado as prácticas de 18 créditos que realizarán en diferentes entidades de toda a xeografía galega, segundo a orixe e intereses de cada estudante. Un primeiro contacto coa práctica profesional que os levará a centros de menores, da terceira idade, empresas de ocio, Cruz Vermella e un longo etcétera de institucións onde chegará o momento de comezar a pór en práctica os coñecementos adquiridos nos primeiros anos de estudo na Universidade de Vigo.