DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase o 'Ourense campus animado! Leisure day'

Cociña, música, orientación e moito máis para celebrar un novo curso

As asociacións de estudantes e os obradoiros foron os seus protagonistas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 13/10/2011
Ourense campus animado! Leisure day. Baixo este título o campus de Ourense celebrou este xoves a súa particular festa de benvida a un novo curso académico. Organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e as asociacións estudantís CUCO, Comités, ALEHOU e XOU, a xornada espallou polo campus mesas de información e actividades de cociña, deportes, xadrez, música, danza e maxia, froito en moitos casos do traballo dos obradoiros universitarios. Unha xornada diferente que entre clase e clase animou o ambiente do campus.

A xornada comezou ás 11.00 horas con mesas informativas sobre as asociacións de estudantes e os servizos de orientación do campus no Edificio Xuridico-Empresarial e entre o Edificio Politécnico e o de Facultades. Co reparto de folletos e a atención de consultas, os representantes das asociacións presentes explicaron ao alumnado que se achegaba ata os seus postos a actividade das súas organizacións co obxectivo fomentar o asociacionismo e a participación da comunidade universitaria. Pola súa banda, as técnicas dos servizos de orientación ao alumnado do campus explicaron aos interesados o apoio que lles poden prestar en orientación ao emprego, emprendedorismo, prácticas en empreas e orientación académica e persoal.

Rematadas as mesas informativas chegou o tempo do ocio e de que os obradoiros do campus amosasen o seu traballo. Deste xeito, ás 13.00 horas, entre o Edificio de Ferro e o Politécnico, o profesor do Obradoiro de Cociña, Martín Álvarez, ofreceu unha degustación de balde de pinchos na que se poñía en práctica as leccións que se imparten nas súa actividade. Unha actividade que foi moi ben recibida pola comunidade universitaria que ata alí se achegou.

Continuidade

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, o alumnado do Obradoiro de Supervivencia e Rappel ofrecerá unha exhibición nas paredes do Edificio Politécnico; a Aula de Danza interpretará a peza Transpediante e o profesor do Obradoiro de Gaita Galega, Gonzalo Abelairas, ofrecerá un concerto coa Aula Gomes Mouro da que forma parte. Para completar a programación, a partir das 17.00 horas e coa campioa galega Graciela Gómez celebraranse partidas simultáneas de xadrez. Como peche de festa, o Mago Teto ofrecerá ás 20.15 horas, na sala multiusos do Edificio de Ferro, o seu espectáculo Tolemaxias.

Con esta programación cumpriuse o obxectivo dos seus organizadores de facer unha festa de benvida na que o protagonismo estivese nas mans das asociacións de estudantes e dos obradoiros do campus e que se prentende teña vocación de continuidade os vindeiros anos.