DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tania Merelas falou no campus sobre como introducir unha perspectiva de xénero nos colexios

Unha coeducación de nenos e nenas que vai máis aló de compartir aula

No marco do Ciclo de Conferencias Xénero, Coñecemento e Ciencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/10/2011
Educar no mesmo espazo físico a nenos e nenas non significa coeducar ou educar na igualdade. Para acadalo é necesario incorporar conscientemente unha perspectiva xénero na formación. Con esta idea, Tania Merelas, vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia CEESG, achegouse este mércores ao campus de Ourense para participar no Ciclo de Conferencias Xénero, Coñecemento e Ciencias. Aos futuros educadores que asistiron á súa intervención, Merelas ofreceulles unha serie de pautas que deberían aplicar no seu futuro profesional para contribuír a formar a uns estudantes e a unha sociedade máis igualitaria.

O Ciclo de Conferencias Xénero, Coñecemento e Ciencias, organizado pola profesora Purificación Mayobre co financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, celebrou este mércores a súa segunda sesión. Para comezar, Mina Sayan, mestrada en Estudos de Xénero pola Universidade de Vigo, falou sobre as mulleres en Irán. De seguido, a vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia ofreceu a conferencia Xénero e educación Social. Nela, Merelas comezou presentando o grupo de xénero Fiadeiras, recentemente creado no CEESG, e amosou as iniciativas que están a desenvolver en colaboración con diferentes entidades e que agardan se poidan ampliar establecendo lazos coa Universidade de Vigo e entidades ourensás.

Un decálogo

Tras esta presentación, Merelas quixo trasladar aos asistentes “a necesidade de incorporar os principios do feminismo ao noso ideario como educadoras e levalos á práctica”. Para avanzar neste obxectivo, expuxo aos asistentes un decálogo de recomendacións neste eido que incide en aspectos como o emprego dunha linguaxe non sexista, a coeducación nas aulas e o uso de xoguetes e materiais non sexistas. “A Educación é unha profesión sensiblemente feminizada e polo tanto debemos especialmente empregar unha linguaxe que nos inclúa a todos e todas”, salientou.

Durante a súa intervención, a vogal do CEESG tamén fixo fincapé na necesidade de reflexionar sobre a teoría e a práctica en cuestións de xénero. “Debemos rachar con moitos tópicos, prexuízos e estereotipos que existen sobre homes e mulleres e sobre o feminismo”, advertiu. Un obxectivo do que quixo facer especialmente conscientes e partícipes ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, pois, como futuros docentes, a súa perspectiva terá especial incidencia nos colectivos que atendan ou formen.

Próximas conferencias

O Ciclo de Conferencias Xénero, Coñecemento e Ciencias continuará o día 25 de outubro coa intervención de Carmen Armada Olleros, profesora e mestrada en Estudos de Xénero pola Universidade de Vigo, que falará de Filosofía e xénero. O día 2 de novembro será a quenda de María Lires, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, que ofrecerá a conferencia Científicas na aula. Con este panel rematarán unhas xornadas que comezaron o pasado día 17 de outubro coa participación de Carmen Benso, profesora xubilada da Universidade de Vigo, e María Luisa Iglesias e Teresa Portas, mestradas en Estudos de Xénero pola Universidade de Vigo.