DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Publicidade e Relacións Públicas promove unhas eleccións ficticias con sete candidatos

Comeza a ‘batalla’ electoral en CCSS e da Comunicación

Os comicios celebraranse a mediados de maio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 24/04/2012

Vívese un ambiente electoral na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Alumnado de terceiro e cuarto de Publicidade e Relacións Públicas xógase case un cuarto da nota da materia Técnicas de comunicación electoral coa celebración dunhas eleccións ficticias ás que se presentan sete candidatos co obxectivo final de ser o máis votado. “Trátase de que o estudante poña en práctica os coñecementos teóricos impartidos en clase e comprobe de primeira man que elementos comunicativos entran a formar parte dunhas eleccións políticas”, explica o profesor Xosé Rúas, responsable da materia. Este martes comezou a campaña electoral coa pegada de carteis por parte dos candidatos.

Con motivo da adaptación do plan de estudos a Boloña, desta volta desenvólvense dúas campañas electorais simultáneas, unha na que concorren os partidos políticos formados por estudantes do grao e outra na que participan os alumnos e alumnas do último curso de licenciatura. Unha das novidades que presenta este “xogo de rol” que leva celebrándose no centro dende hai máis de dez anos, é a integración de eleccións primarias na práctica. “Dado o número de alumnos da materia de grao, os 16 candidatos que se presentaron nun principio quedaron reducidos a catro, os máis votados pola propia clase”, aclara Rúas, que engade ademais que este tipo de actividades fomentan o traballo en equipo “e a necesidade de que os estudantes se coordinen e asuman responsabilidades”.

Sete partidos que defenden os intereses do alumnado

Nos dous casos, “intúense unhas campañas tensas”, comenta o profesor Rúas, “ata houbo unha denuncia a un candidato por comezar a pedir o voto a través das redes sociais antes da campaña electoral”, exemplifica. Os estudantes de grao conforman catro partidos políticos, o Partido Orange, a FAI, Facultade Activa e Incorformista, o Partido Ácido e Sputnik, que a nivel xeral buscan defender os intereses do alumnado da titulación, ben promovendo melloras nos servizos, ben prometendo unha maior representación nos organismos de decisión do centro. Pola súa banda, os estudantes de cuarto de licenciatura presentan tres candidatos, Reyes Antón, Daniel Fernández e Carolina García, que propoñen unha mellora na distribución de orzamentos en educación ou un sistema universitario único. O alumnado da materia valora moi positivamente esta práctica “coa que nos sentimos incentivados e desexosos de conseguir ser o partido máis votado”, declaran.

Cronograma da campaña

Tras a pegada de carteis deste martes, os candidatos debullarán en público o seu programa electoral o vindeiro 2 de maio e enfrontaranse nun “debate televisado” entre o 7 e o 8 de maio. Os sete partidos políticos terán ata o 15 de maio para convencer ao seu electorado, o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, de que a súa proposta de goberno é a mellor.