DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo de nove persoas realizarán sondaxes baixo os restos do Castelo de Alba de Búbal

Comeza a busca do castro de Formigueiro

Froito dun convenio en arqueoloxía entre o Concello de Amoeiro e a Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 04/07/2016

Este luns comezou a intervención arqueolóxica na que, baixo a dirección do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo, se intentarán localizar restos do coñecido como castro de Formigueiro, sobre o que se supón foi construído o Castelo de Alba de Búbal, na parroquia de Trasalba, no Concello de Amoeiro. Un equipo de nove persoas traballará ao longo de todo o mes de xullo neste enclave para intentar corroborar se os indicios que hai sobre a existencia deste castro, tanto en superficie do terreo como na cultura popular, teñen base arqueolóxica.

Ladislao Castro, docente da Facultade de Historia do campus de Ourense, é o director do proxecto e Celso Rodríguez, arqueólogo, é o director da intervención que desde este luns se levará a cabo no concello ourensán ao abeiro dun convenio específico de colaboración en materia de arqueoloxía asinado entre a Universidade de Vigo e o Concello de Amoeiro e que terá unha duración de catro anos. “O primeiro que estamos facendo é a limpeza e preparación da zona na que temos previsto realizar dúas sondaxes de cinco por cinco metros, situadas nunha plataforma preto do cumio. Hai que acondicionar a zona que está cuberta de maleza e facer os accesos antes de comezar a escavar”, explica Ladislao Castro sobre as primeiras tarefas que están realizando. En todo caso, apunta, a evolución do traballo dependerá dos resultados que vaian obtendo a medida que realicen as catas na busca do castro.

Mostra da riqueza da zona

Segundo explican os arqueólogos, a zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial. A zona que se estudará, sinala Ladislao Castro, “ten unha personalidade especial, de seu”, froito probablemente dunha ocupación moi antiga aproveitando as condicións xeográficas de bocaribeira e recursos mineiros deste enclave. Mostra desta riqueza, apuntou, están as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, como as estelas atopadas en Formigueiro e Fontefría. Nesta contorna sitúase o Castelo de Alba de Búbal, edificado no século XI, derrocado logo polos irmandiños e de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna. Atendendo a diferentes evidencias, os arqueólogos creen que posiblemente este castelo, do que hoxe só se conservan indicios en superficie, foi construído sobre un pequeno castro chamado castro de Formigueiro. A cultura popular, a través de lendas de mouros e outras manifestacións; indicios e evidencias en superficie e referencias toponímicas, recollidas por Otero Pedrayo na súa obra, acreditan a existencia dunha ocupación moi antiga baixo os pés do que hoxe se chama Castelo de Alba de Búbal. “A ocupación do castelo está perfectamente documentada pero non a do castro”, recalca o docente do campus de Ourense.

A catro anos vista

Co obxectivo de atopar este castro e estudalo xunto a outros elementos de interese da contorna púxose en marcha a colaboración entre o Concello de Amoeiro e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. Concretamente, o convenio ten como propósito o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) na área arqueolóxica do castro de Formigueiro e a súa contorna. Tamén se inclúe a organización e realización de actividades académicas relacionadas ou resultantes destes proxectos de investigación arqueolóxica, tales como participación de alumnado nas escavacións, apoio a investigadores en formación, presentación de comunicacións en congresos ou simposios científicos, organización de exposicións ou visitas guiadas e impartición de charlas ou conferencias divulgativas, entre outras.

O convenio recolle asemade a realización de labores de coordinación e dirección científica centralizada de todos os traballos e proxectos de índole historico-arqueolóxico ou patrimonial que, sendo alleos á Universidade de Vigo, se estean a realizar ou poidan realizarse no futuro na área arqueolóxica de Formigueiro. Tamén se inclúe a elaboración, redacción e posta en funcionamento dun plan director para o conxunto histórico e patrimonial de Formigueiro. Por último, o acordo recolle a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Amoeiro que sexan de interese mutuo. Para levar a cabo estas actividades e proxectos, a Universidade de Vigo achega medios humanos, preferentemente adscritos ao GEAAT, así como medios técnicos e científicos. Pola súa parte, o Concello de Amoeiro comprométese a sufragar os gastos derivados da intervención, achegando asemade medios materiais e humanos (maquinaria, persoal auxiliar, etc.) dos que dispoña. Está prevista a realización de, cando menos, unha actividade ou proxecto anual, preferentemente unha campaña de escavación estival no castro de Formigueiro, durante os catro anos de vixencia do convenio.