DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza unha nova Edición do Máster en Xestión da Pesca e da Acuicultura

Os alumnos poderán realizar prácticas preprofesionais remuneradas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/10/2007

Formar profesionais cualificados para a xestión pública e privada da pesca é o principal obxectivo do Máster en Economía e Xestión da Pesca e da Acuicultura que este luns inicia a súa terceira edición. Como principal novidade desta edición, o máster refórzase ao abrirse a posibilidade de realizar prácticas preprofesionais remuneradas en empresas do sector.
Tras dous cursos en funcionamento o Máster sacou á rúa un importante número de profesionais que a día de hoxe están a levar a cabo o seu labor en diferentes ámbitos do sector. “Temos bastantes alumnos traballando en temas de xestión en empresas relacionadas coa pesca, ademais dun importante número contratados en compañías do sector pesqueiro e control de calidade. Como dato curioso un alumno chileno da primeira promoción conseguiu traballo no sector mexilloneiro no seu país a través dos contactos do máster”, explica Julia Torralba, coordinadora do curso.
O máster está deseñado a partir do cruce da visión científico-técnica en materia de pesca e acuicultura coa demanda expresada polo sector produtivo en forma de requirimentos e necesidades da empresa para a súa xestión. “Entendemos que desta maneira se equilibra o rigor dos coñecementos co pragmatismo das necesidades actuais para os postos de xestión e coñecementos nestas materias”, continua Torralba.
Unha das mellores garantías para conseguir este obxectivo é que, dende o seu inicio, o máster está compartido pola Universidade e a Cooperativa de Armadores de Vigo, a través dun convenio específico asinado hai xa tres anos. Un dos símbolos desta unión entre institucións está na dirección do máster, compartida entre a docente Dolores Garza, por parte da Universidade, e José Antonio Suárez-Llanos, xerente adxunto da cooperativa.
O novo sistema de prácticas preprofesionais, iniciativa financiada por Caixanova, permitirá que os estudantes do máster accedan a actividade profesional a través de bolsas, de seis meses de duración, para realizar prácticas en empresas do sector co seguimento da propia entidade e dos responsables do máster.

Programa do curso

Temas como a Bioloxía Mariña, o Dereito do mar, os avances tecnolóxicos ou a política comunitaria nos recursos naturais conforman o programa do máster. No total de 50 créditos que o compoñen, 35 teóricos e 15 prácticos, cobran especial relevo as sesións sobre avances tecnolóxicos e novos instrumentos de xestión económica. A fin de lograr que o alumno se faga cunha visión global dos distintos aspectos da pesca e da acuicultura, o programa comprende numerosas saídas e exercicios prácticos en empresas e centros de investigación, reservando as aulas universitarias para as leccións maxistrais.
O enfoque multidisciplinar dos bloques que estruturan o ciclo reflíctese no cadro de docentes que o imparten, arredor de 70 profesionais no se integran docentes universitarios con experiencia en investigación pesqueira, directivos de empresas e entidades pesqueiras (confrarías, asosciacións...) e funcionarios deste ámbito, tanto a nivel da UE como do Ministerio de Pesca.

 

Máis información sobre o máster.