DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En 2016 implantouse o Programa HRS4R Human Resources Strategy for Researches 

Comeza na UVigo o proceso de avaliación final para renovar a acreditación e manter o Selo HR Excellence in Research 

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 15/11/2022

Seis anos despois da súa posta en marcha na Universidade de Vigo, o Programa HRS4R Human Resources Strategy for Researches entra na fase final do seu primeiro ciclo de implantación. En 2019, na avaliación intermedia, a UVigo recibiu a valoración positiva da Comisión Europea, o organismo que impulsa o programa e agora neste ano 2022 cómpre superar a avaliación final para renovar a acreditación e manter o Selo HR Excellence in Research.

A fase de avaliación final comezou o pasado mes de setembro, coa presentación do Informe de auto-avaliación 2017-2022, no que se recollen os fitos e os resultados máis relevantes da implantación, así como o novo plan de acción 2022-2025. Este informe será avaliado nos próximos dous meses e, ademais, como complemento desta avaliación, a Comisión Europea desprazará, previsiblemente a finais de 2022, á Universidade de Vigo unha comisión para valorar in situ o seu funcionamento. Precisamente, como preparación para esta avaliación externa e tamén para  identificar aspectos que aínda sexan mellorables, nas últimas horas realizábase unha avaliación interna, que contou coa participación do reitor e varios membros do seu equipo de goberno, a cargo de persoas externas, independentes da universidade.

Nova fase para o Programa HRS4R

O Programa HRS4R Human Resources Strategy for Researches, que ten como obxectivo a implantación da estratexia e os principios da Carta Europea do Investigador e o Código de Conduta para a contratación de persoal investigador, vai entrar tamén nunha nova fase, no marco da Estratexia do Espazo Europeo de Investigación, no que está previsto actualizar os principios para incluír novas temáticas hoxe relevantes como a sostibilidade, a ciencia aberta e novas estratexias de avaliación do persoal investigador.