DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns deron comezo as clases nos graos, o vindeiro día 12 farano nos mestrados

O comezo do curso devolve a vitalidade ao campus

Moitos centros organizaron xornadas de benvida para o novo estudantado

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 05/09/2011

Pouco a pouco a vida volve á Universidade co comezo este luns das clases nos graos. Paradas de autobús cheas, primeiras clases e consultas cos docentes, cursos 0, incursións iniciáticas nas cafetarías e comedores... o ritual de cada ano para os novos universitarios e universitarias e a volta á realidade para o resto tras o parón estival. No campus de Vigo respirábase esta mañá unha mestura entre a emoción por comezar unha nova etapa da vida e a ledicia dos reencontros, non sen unha chisca de resignación ao despedirse do verán.

Neste primeiro día lectivo foron varios os centros que recibiron ao estudantado cunha xornada de benvida que, en moitos casos, se converteu no primeiro achegamento á disciplina escollida. Este foi o caso de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que organizou un programa que incluía unha mesa redonda sobre o futuro da xustiza e unha conferencia de Félix Anzón, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial. Tamén deron a benvida con presentacións do claustro de docentes e do centro a Facultade de Ciencias do Mar, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ou a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Ao longo das vindeiras semanas serán moitos os servizos da Universidade que tamén achegarán aos novos estudantes o seu funcionamento e as actividades que ofertan. A Biblioteca Universitaria, por exemplo, ofrece charlas informativas para dar a coñecer os seus catálogos, o modo de uso, etc. Os centros programan tamén cursos 0 para os universitarios e universitarias de novo ingreso, dotándoos dunha formación que actualice e complete os conceptos básicos adquiridos no Bacharelato ou na FP.

Co novo curso tamén volven ao seu horario habitual os autobuses de Vitrasa, retomándose a frecuencia habitual das lanzadeiras dende Castrelos, Praza de América e Praza de España, así como a liña 8 dende o Areal e a C15C que parte dende Samil. A partir do vindeiro luns 12 de setembro comezarán tamén o curso académico os mestrados oficiais.

Primeiras impresións

O comentario máis repetido entre todos, o novo calendario adaptado a Boloña que fixo que o curso comezara antes ca nunca e que provocará tamén que este sexa o primeiro curso que non haxa convocatoria de exames en setembro. Para Miguel Borrajo, Rocío González e Esperanza Fajín, estudantes de 2º curso de Tradución e Interpretación, o inicio foi relaxado e aseguraban que este primeiro día “serve, sobre todo, para volver a contactar cos compañeiros, pois con moitos perdes o contacto durante o verán”. Admite Miguel que comezar tan cedo “custa, pero logo senta xenial acabar as clases cando apenas comezou o verán”.

En Ciencias Xurídicas e do Traballo o programa intenso da primeira xornada deixou corredores baleiros e un cheo total no salón de graos. De portas afora, sempre algún despiste polo descoñecemento do centro, e abraio e sorpresa no primeiro encontro coa fauna do campus, desta volta, unha manada de cabalos. Na ETSE de Minas, Noela Rama, matriculada en 1º de Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, explica que ten “unha boa impresión, tanto do grao como da escola e do campus, pero se teño que volver agora á aula, creo que me perdería”. Con Noela, a modo de cicerone, estaba Pablo Pallas. Natural de A Coruña como ela, cursa 2º do mesmo grao, “non nos coñecíamos pero directamente pero temos amigos en común que nos puxeron en contacto”.

Unha radiografía do sistema xudicial

Posturas enfrontadas, vasos medio cheos e outros medios baleiros, pesimistas uns e confiados outros. Estas diverxencias entre os participantes na mesa redonda celebrada en CCXX e do Traballo sobre o futuro da xustiza, foi unha ferramenta moi útil para que tanto o alumnado de novo ingreso como o do resto dos cursos se fixesen unha idea aproximada da situación da xudicatura. Da man da decana do centro, Ana Pita, a presidenta do Consello Consultivo de Galicia, Teresa Conde Pumpido e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín amosaron as súas diversas visións do sistema e contrastáronas tamén con Julio Picatoste, maxistrado da Audiencia Provincial e unha representante do Colexio de Avogados de Vigo. Mentres para Picatoste a situación é “desmoralizadora, xa que a crise o invade todo” e existe o que poderíamos chamar “unha metástase”, dende a Xunta de Galicia, Martín falaba dun futuro menos negro e prometía traballar na modernización tecnolóxica do sector. Entre as actuacións propostas: a desxudialización de algunhas materias, a arbitraxe e a mediación, a racionalización da carga de traballo e a implantación de novas tecnoloxías. Tamén se referiron aos cambios no plano de estudos derivados do EEES. Dende o Colexio de Avogados de Vigo adiantaron que está a traballar coa Universidade para poñer en funcionamento o mestrado que será preciso para acceder ás probas para entrar na carreira xudicial e que estará “dotado dun enorme valor”. Aproveitaron a ocasión tamén para demandar máis dotacións xudiciais para Vigo, como a cidade máis grande de Galicia, e gabaron o labor dos maxistrados olívicos para sacar adiante “unha carga de traballo inmensa”.