DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Industrial organiza un curso para formar ao seu alumnado en liderado, comunicación ou motivació

As competencias transversais marcan a diferenza na procura de emprego

Con dous programas especializados en estudantes de novo ingreso e dos últimos cursos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/03/2012
Máis aló da formación académica, o mundo laboral reclama dos traballadores certos coñecementos e capacidades que van máis aló dos propios da súa profesión. Estas competencias poden facer que a balanza se decante por nun proceso de selección de persoal, nun momento moi complexo para a procura dun emprego. As universidades, conscientes da importancia deste tipo de formación, tratan de ofrecela dun xeito paralelo aos plans de estudo tradicionais. Na Universidade de Vigo, a Área de Emprego adoita organizar cursos de competencias horizontais, unha tarefa na que agora tamén se embarcan os propios centros, preocupados por dotar ao alumando dunha formación integral.

O primeiro en facelo é a Escola de Enxeñería Industrial que estreará na última semana de marzo dous cursos de competencias transversais destinados aos alumnos de recente ingreso e dos últimos cursos, respectivamente. O director da Área de Emprego, José Ignacio Armesto destaca que levan tempo organizando este tipo de cursos “coa intención de popularizar e masificar estes contidos e por iso para nós é fantástico que os centros como a Escola de Enxeñaría Industrial actúe de xeito proactivo poñendo en marcha esta iniciativa que os converte nun referente”.

Sobre a necesidade deste tipo de formación, José Ignacio Armesto apunta que “no mercado laboral, e máis nun momento como o actual, as empresas cando buscan un especialista atopan unha oferta moi ampla e para establecer diferenzas fíxanse en valores engadidos que ten o traballador, é dicir nas chamadas competencias horizontais. Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial, destaca a importancia deste tipo de formación paralela e complementaria á regrada tanto para “ter unha boa aterraxe no mundo universitario como para comezar a andaina laboral”. Neste sentido, indica Pou que a acollida entre o alumnado está a ser moi boa e tradúcese en matrículas “porque en moitos casos eran os propios alumnos e alumnas os que demandaban este tipo de formación, pero adaptada ao eido das enxeñarías”. Con estes cursos os estudantes de último curso aprenden a coñecer e explotar as súas potencialidades e a telas en conta á hora de elixir entre ser emprendedor, docente, traballador por conta allea, etc. Pero tamén é de especial interese para todos aqueles de novo ingreso que non acaban de adaptarse ao ensino universitario, incluso ás veces, “a pesar de ter unha nota de ingreso alta”, apunta Pou. Deste modo poden afacerse ao sistema universitario, o un ensino diferente ao dos institutos, a unha vida fóra da casa, a aceptar a responsabilidade e a automotivarse.

As competencias horizontais marcan a diferenza

A necesidade de dotar aos futuros profesionais de capacidades de xestión, comunicación, traballo en equipo ou motivación fan necesarios este tipo de actividades. As competencias transversais son aquelas xenéricas e comúns á maioría das profesións e que se relacionan coa posta en práctica integrada de aptitudes, características de personalidade, coñecementos e valores adquiridos.

A finalidade é aproximar mellor o coñecemento entre a oferta universitaria e a demanda profesional, dotando aos alumnos e alumnas de ferramentas instrumentais, interpersoais e sistémicas. As primeiras son de especial interese para a aprendizaxe e a formación como técnicas de organización, comunicación oral e escrita, resolución de problemas, capacidade de síntese ou toma de decisións. As interpersoais están orientadas ás relacións sociais como o traballo en equipo, o compromiso ético, a capacidade de negociación ou a automotivación. Finalmente, as competencias sistémicas refírense á creatividade, liderado, xestión por obxectivos, espírito emprendedor ou sensibilidade cara a temas medioambientais.

O prazo de matrícula remata o vindeiro martes 13 de marzo. A formación divídese en dous cursos, un para os alumnos de novo ingreso, que se centrará na adaptación ao novo escenario universitario e outro para os últimos cursos da Escola de Enxeñería Industrial, máis orientado cara ás competencias precisas no eido profesional. O límite de prazas é de 30 e 60 para os segundo, 30 delas para os que rematan a enxeñaría técnica e 30 para os que rematan a superior, polo que se impartirán tanto no campus como na sede da cidade.