DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Adolfo Cordero dirixiu unha investigación sobre o réptil máis ameazado de extinción en Ga

O complexo dunar de Corrubedo é un hábitat favorable para albergar unha poboación de sapoconcho europeo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 30/01/2008

Co obxectivo de contribuír á conservación da especie de sapoconcho europeo (Emys orbicularis), o réptil máis ameazado de extinción en Galicia, o grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da EU de Enxeñaría Técnica Forestal, comezou unha investigación para comprobar ata que punto as condicións climáticas e biolóxicas do complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán eran compatibles cunha futura reintrodución da especie. Tras varios anos de estudo e de arduo traballo, o director do proxecto, Adolfo Cordero, concluíu que o ambiente de Corrubedo é apropiado para a supervivencia da especie, polo que unha futura reintrodución, despois dun proxecto de mellora do hábitat, ten unha elevada probabilidade de éxito.

A orixe da investigación

Dende a orixe da investigación, no ano 2003, mantivéronse no laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da EUET Forestal, varias femias de Emys orbicularis, co obxectivo de obter ovos para un experimento de incubación en condicións controladas de laboratorio. Como resultado colateral do proxecto, obtivéronse 11 neonatos e decidiuse que estes animais deberían liberarse nun cercado construído na charca de Olveira, dentro do parque natural de Corrubedo. O día 5 de xuño de 2004, aproveitando a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, os 7 neonatos que sobreviviron, despois de seren mantidos todo o inverno no laboratorio, foron soltados na charca. Posteriormente, sabendo da existencia de varios exemplares adultos desta especie no Centro de Recuperación de Fauna de Oleiros, suxeriuse que se trasladaran á mesma lagoa, co fin de comprobar se o hábitat era apropiado para a supervivencia dos adultos. Deste xeito, dous machos foron liberados o 24 de xuño de 2004.
A partir deste momento e nos anos posteriores, o equipo de traballo fixo un constante seguimento das tartarugas, financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para determinar a idoneidade da zona para albergar unha poboación de sapoconcho. Os datos recollidos ata agora indican que a adaptación dos xuvenís ao novo ambiente foi óptima. Tal como explica o director do proxecto, “o crecemento foi moi rápido, probablemente o máis rápido coñecido, se cadra pola ausencia de competencia con adultos da mesma especie e pola alta produtividade da charca de Olveira”, comentou Adolfo Cordero.

Unha especie en extinción

En España, a situación da maioría das poboacións de sapoconcho europeo é de clara regresión, especialmente na zona norte, incluíndo Cataluña, Salamanca e tamén Galicia. As causas desta situación son múltiples pero en xeral tense observado que a destrución do hábitat é o principal factor que contribúe á diminución da área de distribución desta especie. Ademais hai que sinalar que ata fai moi pouco tempo as tartarugas eran capturadas para a súa venta como mascota, e isto probablemente ten favorecido á regresión poboacional en moitas áreas. Outros factores de menor importancia son a contaminación dos ríos e humidais e a mortalidade provocada polos pescadores deportivos de forma directa ao considerar a esta especie como nociva para a pesca.
Por todo isto non resulta sorprendente que o sapoconcho europeo fora introducido nas listas de especies ameazadas xa dende o convenio de Berna de 1979. Emys orbicularis está ademais incluída no anexo II da Directiva Hábitats, que presenta a lista de animais e vexetais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación.