DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compostaxe é a principal alternativa para o tratamento de residuos orgánicos

14 investigadores compoñen o grupo de Biotecnoloxía Ambiental e Ecoloxía do Solo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/11/2007

O tratamento dos residuos orgánicos con técnicas biotecnolóxicas é o principal obxecto das súas investigacións. O grupo de Biotecnoloxía Ambiental e Ecoloxía do Solo botou a andar hai arredor de catorce anos da man de Salustiano Mato, actual director xeral de I+D da Xunta de Galicia. Dende entón, levaron a cabo 17 proxectos a escala autonómica e nacional e unha longa lista de contratos con empresas, preto de vinte só nos últimos cinco anos.
O grupo está composto por catorce investigadores liderados polo profesor Jorge Domínguez. Con sede na Facultade de Bioloxía, desenvolven múltiples liñas de investigación. Os membros dedicados a temas de Ecoloxía do Solo centran os seus esforzos no estudo do ciclo dos nutrientes no chan, fertilidade, recuperación de áreas danadas... Namentres, o labor de Biotecnoloxía Ambiental vai dirixido ao tratamento dos residuos orgánicos, ben a I+D de desenvolvemento de novas técnicas ou mellora das existentes, ben á colaboración coas empresas do sector.

Compostaxe no Val Miñor

Un dos últimos traballos emprendidos polo grupo, á iniciativa da Mancomunidade de Montes en Mancomún do Val Miñor e a Organización Galega de Montes, vai dirixido ao desenvolvemento dunha planta de compostaxe na que integrar a xestión de todos os refugallos que xeran estas institucións, “trátase de empregar todos os restos da madeira que quedan despois das talas ou os incendios para a fabricación de compost, unha emenda orgánica moito máis efectiva que o simple feito de deixar podrecer a madeira no monte”, di Domingo Pérez, un dos investigadores do grupo.
Este proxecto, de tres anos de duración, ten especial relevancia nunha comunidade como a galega, onde hai grandes áreas de plantacións arbóreas e un forte tecido industrial desenvolvido ao seu redor. Para o investigador “o manexo destas masas boscosas con criterios unicamente produtivos levou a unha situación na que o risco de incendios é moi elevado, ao quedar no monte moitos restos vexetais orixinados nas podas e nas talas. A súa retirada é un elemento clave para reducir este risco”.
A planta piloto de compostaxe acaba de poñerse en marcha, mide 12 metros de largo, tres de alto e dous de ancho. Agora este grupo de investigadores está testando a degradación e reciclaxe dos restos de limpeza de montes mesturados con algas recollidas da zona do Val Miñor. Trátase de xestionar de xeito integral dous residuos que se producen na zona.
“Estamos comprobando se a presenza do factor alga permite acelerar ou engade certa característica desexable ao compost obtido. Isto é así porque os refugallos de limpeza de montes acostuman a ser moi leñosos e moi difíciles de degradar. Polas comprobacións que temos feito, está funcionando sorprendentemente ben e a idea é seguir montando pilas de cara a dimensionar e a coñecer ben todo o proceso, para así ver a viabilidade de incorporalo ás prácticas silvícolas habituais”, explica Pérez.

Proxectos con Cataluña

A ampla experiencia do grupo no tratamento deste tipo de residuos fai que os seus servizos sexan requiridos desde outras comunidades autónomas, por exemplo, desde Cataluña, rexión punteira no campo. Neste senso, o grupo está a levar a cabo un proxecto do Ministerio de Medio Ambiente en colaboración coa Universidadade Autónoma de Barcelona, a de Lleida e o GIRO (Centro Tecnolóxico de Xestión Integral de Residuos Orgánicos). O obxectivo é modelizar o proceso de compostaxe: dende Cataluña fan a parte matemática e de enxeñaría, en Vigo dedícanse á parte experimental.
Outra das empresas coas que colabora habitualmente é a catalá Ros Roca Ima S.L, con quen colaboran desde o 1993, para o desenvolvemento dunha planta de compostaxe.

De Barbanza a VigoZoo

No referido a contratos con empresas o grupo mantén abertas varias liñas de colaboración. Coa planta de compostaxe e reciclaxe do Barbanza participa nun programa dirixido á optimización do proceso. “O noso labor vai dirixido á detección de problemas e ás súas melloras. En concreto, queremos mellorar a concentración de metais pesados, sobre todo de zinc, cobre e chumbo, inconvenientes habituais neste tipo de plantas que veñen derivados da baixa colaboración cidadá na separación dos residuos”, sinala David Cereijo, un dos investigadores do grupo.
Ademais, tamén colaboran con Biocompos de Lugo, a primeira planta de compostaxe de zurro que se fai en Galicia.
“A isto hai que engadir colaboracións puntuais. Neste momento, por exemplo, temos un convenio con VigoZoo para facer a posta en marcha dun plan medioambiental da xestión dos residuos do zoo”, salienta Domingo Pérez.