DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade reúne a sete expertos nun ciclo de conferencias ao abeiro da I Xornada pola Educación

Comunicación, colaboración e intelixencia emocional para educar á xeración do futuro

Promoverán un punto de encontro entre profesionais e familias para establecer un proxecto formativo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Noemí Rey DUVI 15/01/2013

Familia e escola están chamados a traballar da man: nin o colexio é o único contexto de educación nin os docentes os únicos implicados nela, xa que pais e nais desempeñan un papel fundamental na creación dunha visión colectiva da formación dos máis cativos da casa. Para rachar fronteiras e “promover un punto de encontro entre profesionais e familias de nenos en idade infantil co fin de establecer un proxecto educativo común”, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra organizan un ciclo de conferencias ao abeiro da I Xornadas pola Educación Infantil que se celebrarán en A Estrada entre o 23 e o 25 de xaneiro. A iniciativa completarase cuns obradoiros sobre ensinar con linguaxes expresivas organizados pola Escola Infantil Elfos. “Con esta actividade trátase de ofrecer as claves que permitan coñecer as posibilidades da educación dentro e fóra das aulas, potenciando a transición da escola de 0 a 3 anos á de 3 a 6 e a relación de equipo que debe existir entre escola e familia”, sinala Esther Martínez, coorganizadora das xornadas e profesora do departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Universidade de Vigo.

Expertos en didáctica, psicoloxía e medicina

A través dos relatorios sete especialistas en didáctica, psicoloxía e medicina porán sobre a mesa as últimas tendencias educativas, ofrecerán as claves para coñecer todas as posibilidades da educación como transmisor de valores e a dimensión emocional que posúe. “A formación dos nenos e nenas non pode resolverse só co entendemento independente de cada un destes campos, senón que é a confluencia dos tres eidos o que permitirá conformar un quebracabezas onde as tres pezas se interrelacionan no día a día”, recalca Martínez.

Durante tres días estes expertos explicarán pautas didácticas para potenciar nas aulas distintas linguaxes expresivas dos cativos, descubrirán as potencialidades lectivas da música ou como empregar os sentidos para comprender a realidade que nos rodea e abrirán un debate sobre as necesidades fisiolóxicas e educativas de nenos entre 0 e 6 anos e sobre as causas que subxacen nos trastornos de conduta, ansiedade e atención. Ademais, os relatorios porán de manifesto a importancia da intelixencia emocional nas primeiras idades, “por que é vital que escola e casa pensen nos mesmos termos ou como a música ou a lectura de contos son dous recursos clave para os desenvolvemento dunha personalidade que está en construción”.

Pero, sobre todo, farán especial fincapé naqueles elementos que permiten levar a cabo un traballo conxunto entre escola e familia, xa que se non existe unha boa relación entre ambas partes “sería moi difícil establecer liñas limítrofes na educación do neno ou nena. A educación é unha tarefa compartida que debe ter unha liña de acción conxunta para traballar no desenvolvemento intelectual, emocional e social dos cativos nas mellores condicións. Así favorécese que o rapaz se mova en dous espazos diferentes pero complementarios e foméntase unha maior autoestima, a mellora do rendemento escolar e das relacións sociais cos seus iguais”.

Participación aberta e de balde

O ciclo de conferencias será “un espazo para a reflexión” pensado para profesorado e alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, pero tamén estará aberto a docentes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, persoal dos Centros de Formación e Recursos (CEFORE) e familias interesadas na temática. Con participación gratuíta, todos os interesados en asistir deberán remitir un correo electrónico a esthermf@uvigo.es indicando nome e apelidos, DNI e institución da que procede, se é o caso.

Programa do ciclo de conferencias (638.70 Kb)