DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sexta edición dunhas xornadas centradas no papel do xogador como marca

Comunicación e deporte unidos por cuestión de imaxe

O responsable de xestionar os contratos publicitarios de Gerard Piqué participará no encontro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 16/10/2012

Como vén sendo habitual na oferta cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na última semana do mes de outubro celebrarase a sexta edición das xornadas sobre comunicación e deporte, que desta volta se centrarán no papel do deportista como marca e soporte publicitario, unha cuestión “de especial interese para os futuros comunicadores e deportistas desta Universidade”, apunta Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus. Durante dous días, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación reunirá aos principais expertos nacionais neste tema, achegando información relevante dende a óptica do publicista como da do xogador contratado como marca.

“Futbolistas como Beckham ou Messi teñen máis ingresos de contratos publicitarios que do seu rendemento profesional”, reflexiona Fernández Souto, o que pon de manifesto a “necesidade e idoneidade” de afondar neste nexo de unión entre deporte e comunicación, “achegando unha formación complementaria de grande utilidade para o mercado profesional”, engade a responsable do encontro.

O caso de Gerard Piqué, a estudo

As xornadas serán inauguradas o luns 29 de outubro por Sandra Femenía, profesora da Universidade CEU San Pablo de Valencia e experta no papel do deportista como soporte de marca. “Intervirá por videoconferencia e estará acompañada de Raúl García, responsable de comunicación de Gerard Piqué e especializado na área de comunicación e fútbol da axencia internacional Eleven Sports”. Para interese dos deportistas, tamén participará Pablo Adán Mico, consultor estratéxico, que achegará as claves para definir unha “boa” marca persoal que sexa “atractiva” para as empresas e anunciantes. O martes 30 de outubro retomaranse as conferencias para reflexionar sobre o aspecto legal, afondando nos dereitos de imaxe, no papel dos representantes e axentes de marcas deportivas. “É imprescindible que os xogadores coñezan os seus dereitos, o que poden negociar ou non, ata onde poden pór os límites e os tipos de contratos existentes, información vital tamén para os profesionais da comunicación”, sinala Fernández Souto. As xornadas rematarán cun exemplo práctico de xestión de imaxe da man de Borja Puig, delegado de Bassat Ogilvy “que dará a coñecer os detalles da campaña O desafío Cruzcampo, realizada coa selección española de fútbol”.

Ademais de crear un foro de debate sobre un tema de actualidade, as xornadas buscan crear sinerxías entre as dúas titulacións, localizando os lazos comúns “para impulsar colaboracións entre os grupos de investigación que se traduzan en teses e proxectos de fin de carreira que abran o abano de posibilidades deste campus singular”, conclúe Fernández Souto.