DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presidenta rexional da Asociación de Directivos da Comunicación inaugurou a programación de Cultuk

A comunicación en Galicia aínda está en cueiros

Moitas empresas, institucións e organizacións aínda a consideran como un elemento “superfluo”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 24/04/2012

A comunicación en Galicia aínda ten pendentes “moitos deberes”. Así o confirma Amalia Baltar, presidenta da Asociación de Directivos da Comunicación en Galicia, que inaugurou este martes Cultukata´12, a programación cultural en homenaxe á patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Convidada polo docente Daniel Martí, Baltar compartiu co alumnado dos últimos cursos de Publicidade e Relacións Públicas os retos aos que debe facer fronte a profesión na nosa comunidade, “comezando por facer entender o concepto comunicación a empresas, institucións e organizacións, para que somos bos e que valor engadido podemos xerar”.

Da man de Baltar, o estudantado comprobou como a comunicación made in Galicia debe superar moitas barreiras para chegar ao nivel profesional doutras rexións de España. “Neste caso atopámonos cunha mentalidade empresarial que non valora a función comunicativa, xa que se asume que o negocio en si é suficiente, o que non é verdade”, confirmou a presidenta da asociación. Esta falta de consideración vese agravada polo contexto actual de crise “xa que sempre se recorta polo que se considera superfluo”, empeorando aínda máis a situación do sector. Para a experta, é deber da Asociación de Directivos da Comunicación en Galicia combater esta falta de formación comunicacional “levando a cabo unha forte campaña de convencemento e de visualización da profesión entre as empresas, institucións e organizacións” co fin de dar a entender os beneficios de ter unha axeitada estratexia de comunicación cos seus públicos. Engadiu que este labor de proxección tamén debe ser responsabilidade do alumnado “e xuntos hai que trasladar á cidadanía que un negocio, para que logre o éxito, debe estar nos sitios que hai que estar e nos momentos oportunos e nós, como comunicadores, podemos axudar moito”.

Redes sociais e grupos de interese

Amalia Baltar, ademais de presidenta Asociación de Directivos da Comunicación en Galicia, tamén é responsable de comunicación en Gas Natural Fenosa. Moitos dos alumnos e alumnas do centro amosaron interese pola xestión que a compañía enerxética fai dos seus grupos de interese a través das redes sociais. Baltar explicou que o boom das novas tecnoloxías “pillou á corporación no momento de integración das dúas empresas, pero estamos traballando neste campo tentando ser moi activos”. Sinalou que o sector empresarial “vai por detrás” dos avances comunicativos que implican as redes sociais “e moitos considéranas unha violación da intimidade”, pero é consciente de que é o camiño que hai que tomar “para entrar en contacto cos clientes, coa sociedade, cos provedores ou cos propios traballadores para intercambiar información e manter unha relación de confianza”. Tras a conferencia inaugural de Baltar, foi a quenda de Lito García Abad, ex-director de comunicación interna de Caixa Galicia e responsable de Com-Unica.es, que afondou nas posibilidades laborais dos lobby ou grupos de presión social, política e económica.

Grazas ao apoio do profesor Martí e á colaboración da Asociación de Directivos da Comunicación, a programación Cultukata achega este ano as últimas tendencias en comunicación co fin de satisfacer as inquedanzas do alumnado dos últimos cursos do centro “coñecendo, da man de expertos, temas moi específicos e actuais do sector da publicidade e relacións públicas e dando resposta a unha demanda formativa que amplía o que se dá nas clases”, sinalou Martí. O ciclo de conferencias da semana cultural que honra a Santa Catarina de Siena continúa este mércores 25 de abril con José Vicente Martínez Cadilla, responsable de relacións externas de Mercadona, e con Lucía Fernández, de R Cable Galicia, que compartirán a súa visión sobre a xestión da comunicación interna e das redes sociais das empresas. Pecharán o ciclo o xoves 26 antigas alumnas da facultade que afondarán no co-working e na construción dunha marca de publicitarios, concretando no caso de Publigal.