DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo de inscrición para participar na XIII edición do curso dirixido por Fernando Ramos

A comunicación, o protocolo e a imaxe pública, a debate

O evento celebrarase entre o 17 e 18 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 12/03/2013

O Curso Complementario de Comunicación e Protocolo abre o prazo de inscrición para a súa XIII edición. Un ano máis, o evento contará coa participación de destacados expertos e estudosos das ciencias da comunicación tanto a nivel nacional coma internacional e acollerá, dentro do seu programa, a celebración das II Xornadas Internacionais de Comunicación e Imaxe Pública. Como indica o seu director, Fernando Ramos, “este curso é a actividade máis antiga que se celebra de xeito ininterrompido na Universidade dende o ano 2001, xerando un gran interese a nivel internacional para o intercambio de experiencias entre profesionais”.

A actividade, que comezou sendo un curso de extensión, converteuse nun punto de referencia no campo da comunicación “acadando un prestixio internacional que se traduce na visita de alumnado e expertos de España, Portugal e incluso Iberoamérica, polo que o balance que podemos facer é máis ca positivo”. A edición celebrada no ano 2012 contou cun total de 359 asistentes, batendo todos os récords de participación e converténdoa na actividade do sistema universitario galego con maior número de matriculados.

Un programa actualizado

Nesta edición participarán 27 profesionais “que tratarán temas relacionados, por unha banda, coa organización de eventos e o protocolo histórico e, por outra, coa comunicación institucional e a imaxe pública ”, puntualiza Ramos. Cun programa xa pechado, a inauguración correrá a cargo de Francisco López-Nieto y Mallo, membro da Academia de Doutores, publicista e estudoso do Protocolo, que introducirá ao público no Dereito Premial e na ordenación das precedencias non regramentadas. De entre as intervencións, o director do curso destaca a presentación do Observatorio de Investigación e Desenvolvemento en Comunicación Iberoamericano (OIDECOM Iberoamérica) ou a intervención de Manuel Cabral, Presidente do Instituto de Vinhos do Douro e Porto, “que falará da importancia do viño como vehículo de cultura con presenza ao longo da historia”.

A profesora titular de Historia do Dereito e das Institucións e directora do Mestrado en Protocolo da UNED, Dolores del Mar Sánchez, tratará o tema das Cortes de Cádiz como orixe do Protocolo do Estado Contemporáneo, coincidindo co seu bicentenario. Ademais, falarase sobre a xestión de espazos públicos na organización de eventos, a comunicación institucional universitaria, o protocolo nos eventos cinematográficos ou as técnicas de realización televisiva na transmisión de acontecementos importantes. Mentres, o profesor Fernando Ramos fará unha achega sobre a crise da imaxe da Monarquía en España, a visibilidade e o protocolo da institución.

Matrícula e recoñecementos

A actividade celebrarase os días 17 e 18 de abril no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A matrícula no curso é de balde e pódese formalizar a través da páxina web de bubela ata o día 12. Os asistentes obterán un diploma expedido polo Departamento de Títulos Propios da Universidade de Vigo e a actividade poderá convalidarse por un crédito de libre elección, convertible en 0,5 créditos ETCS.