DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os resultados dun proxecto de innovación educativa no que participaron 300 estudantes

A comunidade universitaria presenta un “baixo coñecemento xeral” do que supón a violencia contra os menores no deporte

Esta iniciativa permitiu constatar o potencial do cinema en materia de sensibilización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/01/2024

Preto do 75% das persoas participantes no proxecto europeo CASES (Child Abuse in Sport: European Statistics), coordinado pola Edge Hill University británica, afirmaron ter sufrido unha experiencia de violencia interpersoal no ámbito do deporte cando eran menores. “Durante moito tempo oculta e invisibilizada”, como sinala o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Martínez, a violencia, física, psicolóxica ou sexual que infancia e adolescencia pode padecer en contextos deportivos e de ocio centrou un dos proxectos de innovación educativa desenvolvidos neste centro. Coa participación de máis de 300 estudantes e docentes, este traballo permitiu constatar “un baixo nivel de coñecemento xeral por parte da comunidade universitaria” das condutas que constitúen formas de violencia, así como das normativas e procedementos para a súa prevención e abordaxe. Ao mesmo tempo, o proxecto tamén mostrou as posibilidades do cinema como “un instrumento eficaz para sensibilizar, formar e propor unha cultura de protección fronte á violencia exercida contra os menores no deporte”, como sinalan os seus responsables.

Coordinado por Martínez Lemos e desenvolvido ao longo de 2023, no proxecto Prevención da violencia contra os menores no ámbito do deporte: unha abordaxe transversal e híbrida participaron tamén os docentes Martina Ares, Carlos Ayán, Rocío Carballo, Teresa Gutiérrez, María Isabel Táboas, Ana Isabel Rey, Jorge Soto, Silvia Varela e Luis Velasco. Co obxectivo de “dirixir a atención da comunidade universitaria cara a necesidade de protección” fronte estes tipos de violencia, o proxecto abrangueu a realización dun cuestionario dirixido a coñecer “o grao de coñecemento normativo, conceptual e procedimental”, así como de comprensión deste tipo de violencias, que foi respondido por 137 estudantes e docentes. Por outro lado, coa idea de coñecer a capacidade de “comprensión e análise” respecto desta problemática, levouse a cabo un segundo estudo con 181 estudantes, que debían responder un cuestionario tras asistir a unha proxección da película Dive que retrata unha historia real de abusos no mundo do deporte.

Formar e sensibilizar a futuros docentes 

No proxecto participaron estudantes de tres graos, Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que, como sinalan os responsables do proxecto, “teñen en común o obxectivo de formar a futuros docentes e que inclúen o deporte e o ocio como un dos ámbitos de inserción laboral”. De aí a “necesidade real de informar, sensibilizar e incrementar as competencias do alumnado” neste ámbito, así como de pór o foco nos “factores de risco específicos” que en materia de violencia contra as persoas menores poden darse nestes ámbitos. Neste punto, Martínez lembra que o informe CASES pon o foco nunha serie de factores do ámbito deportivo que fan que exista "unha maior vulnerabilidade dos nenos e nenas ao abuso de poder”, como “un modelo de liderado frecuentemente autoritario e unhas estruturas de recompensa adulto-menor que en moitas ocasións dan pé a relacións baseadas no medo e a dependencia”.

En materia de concienciación e sensibilización, o cuestionario realizado permitiu detectar dous aspectos “preocupantes”, como destaca Martínez, o descoñecemento das condutas que son de facto violencia contra os menores e o grao de indulxencia coa que valoran algunhas destas condutas”. Isto puido verse nos apartados nos que as e os participantes debían valorar o grao en que unha serie de condutas constituían episodios de violencia e que maioría cualificaban como alto, moi alto ou extremo. Mais, ao mesmo tempo, puido observarse tamén un “nivel preocupante de normalización” dalgunhas das situacións sinaladas, ás que entre un 15% e un 25% dos participantes atribuían unha gravidade baixa ou moderada. Ese é o caso, por exemplo, de gritar, ameazar ou maltratar verbalmente; humillar ou facer sentir inferior; realizar comentarios obscenos ou sexuais; producir ou compartir imaxes ou vídeos de natureza sexual ou obrigar ou forzar o absentismo escolar para participar noutras actividades. 

As posibilidades do cinema

Unha das conclusións do proxecto é que esa “normalización” podería ser atribuíble “a falta de coñecemento e sensibilización”, aspecto no que puña o foco o outro estudo realizado, no que o alumnado debía cubrir un cuestionario tras ver Dive, filme dirixido pola mexicana Lucía Puenzo. As e os participantes, explica Martínez, amosaron un “alto nivel de comprensión e análise” tanto á hora de interpretar a temática da película, como a mensaxe que quería transmitir a directora, mostrando que “o cinema podería ser un instrumento eficaz” en materia de formación e sensibilización.