DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aprobada este luns pola Xunta de Goberno do Concello

Concedida a licencia para a instalación dunha rede de biomasa que reducirá ás emisións de CO2 dos centros pontevedreses

Este ‘district heating’ será un dos primeiros nas universidades españolas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/10/2020

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns conceder á Universidade de Vigo a licencia de obras para a instalación dunha rede de produción e distribución de calor baseada en biomasa no campus, que se emprazará entre as facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte. Este district heating, que, segundo salientou o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, no Consello de Campus celebrado o pasado o xoves, vai ser “un dos primeiros” que se instalen nunha universidade española, terá unha potencia de 2MW, conectara nunha primeira fase a estas dúas facultades e permitirá limitar a emisión de preto de 250 toneladas de CO2 á atmosfera. 

O proxecto presentado pola Universidade ao Concello contempla a instalación dunha nave cunha ocupación e unha superficie construída de 272 metros cadrados e un tendido de tubaxe que comunique os edificios das dúas facultades, utilizando o trazado dos viais do campus; canalización que tamén foi autorizada na Xunta de Goberno deste luns. Trátase dun dos sete proxectos de eficiencia e fomento de enerxía renovables presentados pola Universidade a comezos do presente 2020 e financiados nun 80% polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao abeiro da convocatoria de axudas para este tipo de actuacións nas universidades públicas. 

Segundo informou o Concello, o orzamento de execución declarado ascende a máis de 570.000 euros e o prazo de inicio das obras non debe superar os seis meses desde a notificación da aprobación da licencia, mentres que o prazo de remate queda fixado en doce meses desde a notificación. Con carácter previo á concesión da licencia, os servizos técnicos municipais emitiron un informe sobre a non interferencia da instalación das tubaxes noutras redes de servizos municipais, mentres que a Universidade de Vigo achegou unha resolución da Consellería de Medio Ambiente respecto da non procedencia de formulación de declaración de incidencia ambiental, así como autorización da Axencia Estatal de Seguridade Área.