DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos terreos contruirase unha pista de atletismo e un campo de fútbol e rubgy

O Concello de Ourense cede ao campus máis de 13.000 metros cadrados de terreo para instalacións deportivas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 15/02/2008

O campus conta dende hoxe con 13.550 metros cadrados máis de terreo cedidos polo Concello de Ourense para a construción das novas instalacións deportivas. Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo e Francisco Rodríguez, alcalde da cidade, foron os encargados de asinar o convenio de colaboración polo que o campus contará a finais de ano con pista de atletismo e campo de fútbol e rugby.
A parcela, situada detrás do Pavillón de Deportes, súmase a outra de máis de 10.000 metros propiedade da Universidade, para a mellora das infraestruturas deportivas. Durante a sinatura do convenio, Alberto Gago destacou que “isto permitirá que cando remate o 2008 teñamos nun mesmo espazo de uso colectivo unha piscina, un pavillón, pistas ao aire libre e unha zona multiusos”. Agora, trala cesión dos terreos, o próximo paso é asinar nos vindeiros meses un convenio coa Consellería de Cultura e Deporte para o financiamento do proxecto. Gago púxose, en nome da Universidade, á enteira disposición do Concello “porque, polo perfil da institución, o noso lema é estar con todos e en todo”.

O campus como espazo de lecer da cidadanía

O reitor destacou que “dende a Universidade hai un claro interese en integrar os campus nas cidades, e especialmente o de Ourense, por estar situado dentro do casco urbano. Pensamos nun campus aberto ao uso colectivo de ocio para toda a cidadanía e que sexa parte da trama pública da cidade” dixo.
Nesta mesma liña, Francisco Rodríguez comentou que o convenio é froito “dun duro traballo por parte da concelleira de Urbanismo, Aurea Soto, e que supón un primeiro paso para un futuro cheo de acordos entre a Universidade e o Concello que teñen que integrarse para dotar de infraestruturas a toda a cidadanía”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Alexandre Sánchez, reiterou o seu compromiso “para a xestión destas novas pistas” que levará a cabo xunto con Xosé Carlos Sierra, delegado provincial da Consellería de Cultura e Deporte.