DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso

Concello e Universidade estreitan lazos a través do fútbol

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 03/06/2008

Faltos de técnica pero sobrados de espírito deportivo, así afrontaron os membros do Servizo de Deportes o partido de Fútbol 7 que os enfrontou este martes a un improvisado equipo composto polo persoal da Concellería de Deportes e membros da Policía Local.
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, lideraba o equipo do concello, mentres que Javier Rial, fixo o propio co seu equipo, un conxunto no que destacaba a presenza de Miguel Ángel Nombela, director da Área de Deportes e Estudantes.
Aínda que en principio estaba prevista a participación do tenente de alcalde, Santiago Domínguez, problemas de axenda de última hora impediron que acudise ao encontro.
A idea xurdiu tras os meses de colaboración entre ambos equipos en todo o que foi a preparación da candidatura á Universiada. “Xa antes de ir a Bruxelas, decidimos que independentemente dos resultados ao volver xogariamos este partido”, comentaba Javier Rial.
Aínda que o resultado neste tipo de encontro sexa o de menos, o partido rematou 4-3 a favor do equipo do concellería, grazas a un tanto marcado nos últimos minutos. Polo tanto, o enconto resultou emocionante ata o último momento.
Un xantar no comedor da ETSE de Minas puxo o punto final a esta particular xornada de confraternización.