DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tres pavillóns universitarios pasan a levar os seus nomes

Concepción Ramón Amat, Olga Gallego e Manuel Martínez xa teñen o seu sitio no campus

Numerosos familiares e membros da comunidade universitaria participaron na homenaxe a estas figuras

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 19/07/2012

Un dos mellores xeitos de que se manteña viva a lembranza dun persoeiro é poñéndolle o seu nome a algún lugar. Deste xeito, no campus de Ourense José Ángel Valente, Emilia Pardo Bazán e Marie Curie teñen cadanseu espazo co seu nome que lembran de xeito permanente á comunidade universitaria as súas figuras. Continuando esta liña, este xoves os tres pavillóns do campus de Ourense pasaron a levar o nome de outros tres ilustres persoeiros da cidade, neste caso Concepción Ramón Amat, Olga Gallego e Manuel Martínez.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Francisco Rodríguez, alcalde da cidade; e Roberto Castro, subdelegado do goberno en Ourense, foron algunhas das autoridades presentes encargadas de descubrir, diante de numerosos familiares dos homenaxeados as placas e paneis informativos que en cada edificio recollen o nome e o perfil dos homenaxeados. “Agardamos que a lembranza destas figuras sirva de acicate para crear entre todos e co seu exemplo unha sociedade mellor”, salientou María Lameiras. Dos homenaxeados, Francisco Rodríguez quixo facer fincapé en que “se trata de persoeiros senlleiros da cultura de Ourense e un orgullo para todos nós”. Orgullo, explicou Roberto Castro, meirande se cabe no caso das mulleres, “pioneiras que demostraron a súa valentía e tenacidade noutros tempos”.

Educación, historia e física

O ata de agora Pavillón I pasa a levar o nome da docente Concepción Ramón Amat. Na súa dilatada traxectoria destaca o feito de que desde 1932 a 1934 foi a directora da Escola de Maxisterio de Ourense. Coa chegada da ditadura, Ramón Amat continuou traballando pola renovación da escola pública e a súa mellora pedagóxica. En 1945 pasou a dirixir, ata 1965, a Escola Normal de Mestras, sendo unha das promotoras do edificio de Maxisterio no barrio da Ponte, o precedente da actual Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. O seu neto José Luis Rodríguez, que recibiu de mans de Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, a insignia da Universidade, quixo salientar no acto “o seu forte compromiso coa educación”.

A historiadora ourensá Olga Gallego Domínguez é o persoeiro homenaxeado no Pavillón II. Membro da Real Academia Galega, foi a primeira muller en ocupar unha das súas cadeiras. Cunha intensa actividade investigadora no eido da historia, dedicou a súa vida profesional ao traballo en diferentes arquivos e bibliotecas, como o Arquivo Histórico da Provincia e o Arquivo da Delegación de Facenda en Ourense. Ademais, participou ao longo da súa vida en numerosas institucións da cultura galega, como son o Grupo Marcelo Macías, a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo e ANABAD-Galicia. Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico de Ourense, foi o encargado de lembrar a súa figura e “a súa extraordinaria calidade humana e científica”, recibindo de mans de Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, a insignia da Universidade.

Por último, o Pavillón de Física pasa a levar o nome de Manuel Martínez Risco. A intensa traxectoria profesional deste físico levouno a traballar en Amsterdam co Premio Nobel de Física Pieter Zeeman, a ocupar unha cátedra en Zaragoza e a desenvolver en Madrid, no Laboratorio de Investigación Físicas, as súas investigación en óptica. Cunha destacada carreira política, chegou a ser deputado por Ourense de Acción Republicana e de Esquerda Republicana. Despois da Guerra Civil exiliouse en Francia, onde continuou as súas investigación e chegou a ser proposto para o Premio Nobel de Física. Da súa figura, o seu sobriño-neto Federico Román Alonso, salientou “a súa dignidade, coherencia e espírito solidario” e recibiu en nome da familia a insignida da Universidade de mans de Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, e do físico Claudio Cerdeiriña.