DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En virtude dun convenio asignado coa Consellaría de Traballo

Conclúe con éxito o I Curso de Sociedades Cooperativas e Autoemprego

Combina clases presenciais e on-line

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 30/10/2007

Trala presentación dos proxectos de creación de empresas, dezaseis alumnos recibiron os diplomas que acreditan a súa participación no Curso de formación de Sociedades Cooperativas. Só catro dos membros desta promoción proceden do mundo laboral, sendo o resto estudantes da facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, que buscan complementar as ensinanzas regradas cunha formación a maiores no tema do autoemprego e cooperativismo. A novidade deste curso reside, tal como sinalou o súa directora Mª Xosé Cabaleiro, no feito de que compatibiliza unha parte on-line con outra presencial, o que segundo os alumnos “resulta moi cómodo para quen xa está integrado no ámbito empresarial e dispón de pouco tempo para desprazamentos ata o centro de ensino”, mesmo opinan que “se lle debería dar máis peso a esta modalidade”.
Lexislación de cooperativas, trámites legais, viabilidade empresarial, contabilidade e planificación financeira son algúns dos contidos impartidos ó longo das 60 horas que dura o curso. Do mesmo xeito preséntanse as vantaxes que ofrece o cooperativismo, entre as que os alumnos coincidiron en destacar a democracia na organización, o soldo segundo o traballo realizado ou a posibilidade de recrutar persoas procedentes de diversos campos que aportan variados puntos de vista.
Durante a entrega de diplomas, a directora do curso agradeceu a cooperación da Consellaría de Traballo, xa que sen esta axuda non sería posible este tipo de ensino en réxime de gratuidade.