DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 2 e o 9 de novembro e para todos os membros da comunidade universitaria

O Concurso de Fotografía Científica abre o prazo de envío de imaxes para a súa décimo sétima edición

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/10/2020

A Facultade de Bioloxía, no marco da celebración do seu patrón, San Alberte, abre a convocatoria da décimo sétima edición do Concurso de Fotografía Científica, destinado á comunidade universitaria da Universidade de Vigo. As persoas que queiran presentar as súas propostas poderán facelo entre o 2 e o 9 de novembro e estas deberán estar relacionadas, de algún xeito, coa ciencia. Admitiranse un máximo de tres obras por autor, que deben ser inéditas, podendo ser tanto en branco e negro como en cor e empregando calquera técnica.

O tamaño mínimo das fotografías será de 10 x 15 cm e o máximo de 20 x 30 cm e deberán ir montadas sobre cartolina, cun marco de polo menos 2 cm onde figurará o título da obra. Cada participante entregará dous sobres cerrados: un deles, marcado externamente coa palabra “obra”, conterá as obras identificadas cun pseudónimo; no outro sobre, indicarase externamente o “pseudónimo elixido”, e incluirá o nome do autor, teléfono e correo electrónico.

As obras depositaranse na biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais.

Premios e exposición

O xurado do concurso, que estará composto por representantes do equipo decanal, do PAS e do alumnado do centro, elixirán as obras premiadas. O primeiro premio recibirá unha tarxeta-regalo valorada en 400 euros e o segundo premio outra por valor de 300 euros. Tamén se outorgarán dous accésits de 100 euros cada un. 

As obras, tanto as premiadas como o resto das presentadas, exporanse no Edificio de Ciencias Experimentais a partir do 14 de novembro, coincidindo coa celebración do San Alberte 2020. A entrega de premios terá lugar o día 16 de novembro ás 13.30 h no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais.