DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No certame poderá participar calquera persoa con 18 anos cumpridos

Un concurso premia con 3000 euros a mellor obra artística na fachada da biblioteca

Os participantes poderán empregar calquera técnica, dende o graffiti ata a escultura

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 14/12/2009
A Vicerreitoría do campus de Ourense vén de convocar o I Concurso de Intervención Artística, un certame que premiará con tres mil euros o mellor deseño sobre o muro da fachada superior da Biblioteca Central do campus. Este espazo ten unhas medidas aproximadas de 18,45 x 3,50 metros (lonxitude e altura) e para cubrilo aceptarase calquera tipo de técnica ou manifestación artística, como o graffiti, a pintura mural ou a intervención escultórica. No certame pode participar calquera persoa a partires dos 18 anos de xeito individual e colectivo, podendo presentar un máximo de dous traballos por participante. O prazo de presentación das propostas remata o 28 de febreiro de 2010.
A revalorización dos espazos do campus e amosarlle á cidadanía novas linguaxes creadoras son dous dos obxectivos do certame e así o subliña Filemón Rivas, xestor de actividades culturais. Nas súas palabras, “o que queremos é ofrecer un espazo máis do campus á creatividade tanto do alumnado como do público en xeral. Con esta iniciativa mantemos o noso compromiso no eido da arte contemporánea e pensamos que encher de arte ese espazo é unha boa maneira de que adquira un importante valor engadido”, declara.

A interacción co edificio e a utilización de materiais bos para o medio ambiente

O xurado do certame estará formado por persoas designadas pola Vicerreitoría do campus de Ourense e contará con especialistas na materia. O tema será libre, pero as persoas encargadas de avalialo terán en conta aspectos como a conexión co ámbito no que se plasmará o traballo, a interacción co edificio do que forma parte e a utilización de materiais que contribúan á sustentabilidade do medio ambiente. A decisión do xurado será inapelable e mesmo poderá declarar deserto o premio se a calidade dos traballos presentados así o aconsella.
Cada participante deberá presentar un bosquexo orixinal, coas cores aproximadas, en tamaño A3 ou A1. Este levará na súa parte posterior o título da obra e unha breve descrición dela. Deberá acompañarse dun sobre no que figure, na súa parte exterior, o mesmo título do bosquexo e, no seu interior, a ficha de inscrición que aparece na web www.vicou.uvigo.es, ademais dunha fotocopia do DNI de cada participante. Os traballos presentaranse persoalmente ou enviaranse por correo postal ao seguinte enderezo: Oficina de Actividades Culturais. Unidade Administrativa. Campus universitario As Lagoas. CP 32004. Ourense.
Polo que respecta á utilización de materiais, a organización presentará ao gañador o muro branqueado listo para realizar o traballo e o artista achegará o material e as estruturas necesarias. Tamén deberá cumprir os requisitos establecidos na lexislación vixente sobre prevención de riscos laborais.
O certame prevé un único premio de tres mil euros para o proxecto gañador, sexa este individual ou colectivo. Non obstante e se así o considera o xurado, poderanse conceder ata dúas mencións especiais a traballos presentados sen dotación económica e coa concesión dun diploma acreditativo.