DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta oitava edición, o certame ábrese aos estudantes portugueses

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos consolida unha vía de comunicación entre a Universidade e o mundo empresarial

Para traballos fin de carreira de Enxeñaría Informática e de Telecomunicacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 17/11/2008
O 8º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos preséntase un ano máis como unha oportunidade para que os estudantes de Enxeñaría Informática e de Telecomunicacións dean a coñecer os seus proxectos fin de carreira. O concurso, organizado por Expourense e a Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e patrocinado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia, pretende vencellar a investigación da Universidade co mundo empresarial e sensibilizar á empresa dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ao seu proceso de produción. Ao mesmo tempo, pretende estimular a capacidade innovadora dos alumnos para desenvolver proxectos cunha visión empresarial. “Estas iniciativas sempre son benvidas xa que animan aos estudantes a seguir traballando”, comentou Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñería Informática durante a presentación. Tamén estiveron presentes no acto Xosé Antón Jardón, delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria; Ángel Manuel Sánchez, vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade e Alejandro Rubín, director xerente de Expourense. Todos eles coincidiron en definir o concurso como “unha convivencia entre a Universidade, a administración, a empresa e quen se vai a incorporar nun futuro inmediato á vida laboral”, dixo Rubín.
Jardón, pola súa banda, aproveitou a ocasión para “darlle ás grazas á Universidade pola súa implicación no proxecto”. Na opinión do delegado provincial “nesta época de crise un elemento fundamental é a innovación tecnolóxica xa que permitirá axustar de novo o crecemento ao seu ritmo normal”. Por iso “esta iniciativa pretende divulgar aspectos das novas tecnoloxías e, sobre todo, servir de ponte de comunicación entre os alumnos e a empresa”, rematou Jardón.

A participación de Portugal, novidade desta edición

Co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias entre a comunidade universitaria e empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, esta edición do concurso internacionalízase ofrecendo a posibilidade de que presenten os seus proxectos estudantes das distintas universidades do país veciño.
Esta participación de Portugal xorde froito dos distintos traballos de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas institucións e asociacións de empresarios portugueses. Sen embargo, a decisión de abrir o concurso aos universitarios lusos “non é unha casualidade, senón que tomou corpo na pasada edición cando mantivemos unha reunión con representantes da Escola Superior de Tecnoloxía e Xestión de Lamego que viñeran de observadores”, puntualizou Rubín. Os veciños portugueses amosaron o seu interese en participar neste concurso e tras ser analizada a súa petición pola Universidade de Vigo, súmanse nesta edición ao proxecto.

Bases do concurso

O concurso constará de dúas modalidades, o grao superior e o grado medio, e nel poderán participar os alumnos das Universidades de Vigo, A Coruña, Santiago e das escolas universitarias do Norte de Portugal que estean cursando na actualidade algunha das seguintes titulación Enxeñería Informática, Enxeñería de Telecomunicacións, Enxeñería Técnica Informática ou Enxeñería Técnica de Telecomunicacións.
Nos traballos deberá primar unha clara aplicación das ideas ao mundo empresarial e deberán ser entregados antes das 11.30 horas do 1 de decembro en Expourense.
O xurado será o encargado de nomear aos finalistas que terán que defender o seu traballo durante 10 minutos. Os premios serán entregados en Expourense o vindeiro mércores 3 de decembro ás 13.30 horas. Concederanse tres premios, para cada unha das modalidades, cuxa contía ascende a preto de 4.000 euros, sendo os primeiros premios de 1.250 e 1.000 euros. O concurso porá o peche final a esta oitava edición cun xantar de convivencia.

Máis información