DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida pola profesora da Universidad de León Aurelia Álvarez

Unha conferencia aborda as propostas de reforma do dereito español á nacionalidade

Coa esta intervención arrancou o Curso de Actualización Xurídica 2020/2021

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 06/11/2020

Cunha conferencia sobre propostas de reforma do dereito da nacionalidade española a cargo de Aurelia Álvarez, profesora titular de Dereito Internacional Privado da Universidad de León, arrancou este venres a través do Campus Remoto da UVigo a edición 2020/2021 do Curso de Actualización Xurídica. A relatora examinou na súa intervención as novas propostas de reforma do dereito español da nacionalidade “que teñen como finalidade eliminar os prexuízos causados aos descendentes dos emigrantes españois”.

O curso, que forma parte por terceiro ano consecutivo do programa de formación permanente da Facultade de Dereito do campus de Ourense, está organizado por Marta Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decana deste centro; Susana Álvarez, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana; e Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinadora do Grao en Dereito. Na presentación da actividade, Fernández Prol salientou como “no mes de marzo tivemos que suspender esta actividade académica por mor da declaración do estado de alarma e agora retomamos a actividade con máis forza aínda”. En nome da organización, quixo agradecer de xeito especial a colaboración das áreas da facultade que participan nesta iniciativa propondo cada unha delas un relator ou relatora. Pola súa banda, Miguel Ángel Michinel, catedrático de Dereito Internacional Privado da UVigo, subliñou “o compromiso da facultade coa actualización xurídica e en particular do profesorado” levando a cabo iniciativas coma este curso. Na presentación de Aurelia Álvarez, Michinel destacou que é “unha eminencia na materia” e que conta cunha dilatada traxectoria e recoñecementos tanto no eido estatal como internacional.

Unha proposición e un anteproxecto de lei

Durante a súa intervención, Aurelia Álvarez fixo unha análise da situación do dereito á nacionalidade española tendo en conta o contexto galego. Así, lembrou como “actualmente residen no exterior máis de 450.000 galegos, dos cales unha porcentaxe de case o 50 por cento naceu no estranxeiro”. De ese grupo, engadiu, moitos deles teñen obtido a nacionalidade pola vía prevista na disposición adicional sétima da Lei 52/2007. “Porén, aínda quedan fóra desta lei moitos dos descendentes”, afirmou. Para dar resposta a esta situación, Aurelia Álvarez sinalou como “agora preténdese incorporar aqueles casos que foron excluídos pero que poden acreditar o vínculo cun ascendente español”. Así, durante a súa intervención analizou “os problemas que temos” neste eido, as propostas de reforma que se están facendo “e as posibles solucións” que na súa opinión serían “beneficiosas para todos”.

Na súa conferencia, á que asistiron virtualmente arredor de medio centenar de persoas, Aurelia Álvarez falou da proposición de lei en materia de concesión de nacionalidade española aos descendentes nacidos no estranxeiro de españoles, publicada en xaneiro de 2020 e feita polo Grupo Parlamentario de Izquierda Confederal, cuxa tramitación se veu afectada polo parón da actividade provocado pola pandemia. Nela, lembrou, contémplase que se recoñecerá a nacionalidade española ás persoas descendentes de proxenitores españois nacidos no estranxeiro en calquera momento e que estas persoas poderán optar pola nacionalidade española en caso de que as súas nais, pais, avoas e avós adquirisen a nacionalidade do país de acollida. “A isto engádense os casos dos que perderon a nacionalidade no exilio causado pola Guerra Civil e a ditadura, aos que se lle recoñecerá co fin de saldar esa débeda histórica”, indicou.

Alén do que aconteza coa tramitación desta lei, a profesora sinalou que hai un preacordo neste eido do goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos. Ese pacto inicial, apuntou Aurelia Álvarez, púxose en marca a través de, entre outras cuestións, a tramitación dun anteproxecto de lei de memoria democrática aprobado polo goberno en setembro de 2020. Nel, indicou, nunha disposición adicional abórdase a adquisición da nacionalidade española indicando que “os nacidos fóra de España de pai ou nai, avó ou avoa, que orixinariamente houbesen sido españois, e que, como consecuencia de ter sufrido exilio por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza, renunciaron á nacionalidade española, non necesitarán xustificar un ano de residencia legal en España en caso de optar á nacionalidade española, aos efectos do artigo 22 do Código Civil”. Sobre este texto e a súa inclusión nunha disposición adicional, a relatora amosou a súa valoración de que se dunha “redacción pouco afortunada” que non recolle o “que se prevía no pacto inicial”.

Ao longo da sesión, a profesora da Universidad de León tamén apuntou, entre outras moitas cuestións, como “non pode seguir habendo ningún fillo de ningunha española nacido no estranxeiro que non teña podido conseguir a nacionalidade da súa proxenitora”. Así, destacou como “o ordenamento xurídico español ten sido absolutamente prexudicial para as mulleres, porque se nos casabamos perdiamos a nacionalidade española, porque o home arrastraba sempre a nacionalidade da muller”. Ata o ano 1975, dixo Aurelia Álvarez, non se erradicou esa causa de perda da nacionalidade no noso ordenamento pero as mulleres españolas seguían sen atribuír a súa nacionalidade porque a norma española dicía que se prefería sempre a nacionalidade do pai. “Este caso si ou si non podemos deixalo xa. Hai que darlle a oportunidade a todos eles de ser españois de orixe”, comentou a profesora.