DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa autora, Alicia Longueira, analiza os primeiros anos do xornalista e escritor

O Congreso dos Deputados premia unha tese pontevedresa sobre Wenceslao Fernández Flórez

Achega unha imaxe inédita sobre a súa figura no relativo á defensa da lingua e cultura galega

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 07/12/2012

O Congreso dos Deputados vén de premiar unha tese de doutoramento presentada na Universidade de Vigo sobre os primeiros anos da vida profesional de Wenceslao Fernández Flórez, obra de Alicia Longueira e dirixida pola profesora Mercedes Román. Foi cualificada como investigación de "interese" polo xurado na especialidade de xornalismo, premiando tamén a outras teses do campo do dereito, ciencias políticas, socioloxía e da economía.Coa intención de verter luz sobre diversas pasaxes ata o de agora descoñecidas do labor xornalístico e literario de Fernández Flórez, naceu esta investigación que ofrece unha nova visión do escritor a partir da análise de artigos escritos por el entre 1885 e 1917. Unha das principais achegas deste estudo é a imaxe inédita que ofrece de Fernández Flórez no relativo a súa relación con Galicia e coa defensa da súa lingua e da súa cultura. “Precisamente o non recoñecemento desta faceta na actualidade foi un dos motivos que me impulsou a investigar con maior intensidade esta etapa da súa vida”, explica Longueira, que dende 2001 traballa na Fundación Wenceslao Fernández Flórez en Cecebre, “lugar onde o escritor adoitaba pasar os meses de verán”.

Os temas que o escritor trata neses anos comprenden dende a vida política ata a ensinanza universitaria ou os libros escolares, pasando pola crítica teatral, os inicios do cinematógrafo ou a tauromaquia, “pero o tema no que fago máis fincapé é a relación de Fernández Flórez con Galicia e coa defensa dos seus intereses sociais e culturais en gran número de artigos e con verdadeira intensidade. Tanto que o propio Castelao o definiu como un galeguista”, apunta a investigadora. Tamén destaca o interese do xornalista pola defensa da independencia da muller “que se deixa ver en reportaxes nas que fala da figura feminina e da súa relación co traballo, coa soltería, co matrimonio, co maltrato sufrido non só a mans do home, senón tamén a través da marxinación social...”, resaltando que o xeito de enfocar e argumentar a cuestión “é o que dá carácter de actualidade ás súas crónicas, non só en aquelas nas que trataba a independencia da muller, senón no resto dos temas”, ademais de detectar unha “estreita relación” entre a súa condición de home, de xornalista e de escritor.

Investigación inédita

Alicia Longueira estuda a primeira etapa profesional de Fernández Flórez analizando preto de 600 artigos publicados nos xornais El Noroeste, La Defensa, El Diario de Betanzos, El Diario Ferrolano ou El Día Gráfico. A tese, a cuxa lectura acudiu José Luis Fernández, un dos sobriños do escritor, así como outros representantes da fundación, complementa traballos anteriores, ofrecendo unha liña de continuidade biográfica de Fernández Flórez. “Hai estudos sobre a vida e sobre a obra de Wenceslao e todos eles ofrecen moi interesantes achegas, pero sobre este momento puntual e sobre a súa relación cos seus traballos El Noroeste, Diario Ferrolano ou El Día Gráfico, non”, aclara a investigadora que considera que as noticias escritas entre 1885 e 1917 son a base do seu estilo de crónicas posteriores, como as que publicaría en ABC ao que se incorpora en 1916 “por suxestión de Azorín”.

Ao longo do seu estudo Longueira salienta unha intensa actividade laboral de Fernández Flórez entre 1900 e 1917, “traballando de modo incansable para contribuír ao sustento dunha familia numerosa despois da inesperada morte de seu pai a comezos de século”. Tamén confirma a influencia de determinados personaxes da época nos seus primeiros anos. Tal é o caso de Galo Salinas, director da Revista Gallega; de José María Riuera Montero, “para quen Wenceslao realizou labores de secretariado na súa adolescencia”; de Manuel María Puga y Parga, “quen favoreceu a súa incorporación a El Noroeste”; de Alfredo Vicenti, “a quen enviou crónicas a Madrid para El Liberal”; ou de Emilia Pardo Bazán, “que formou parte do xurado que lle concedeu o Premio do Círculo de Bellas Artes pola súa novela Volvoreta e que escribiu favorables críticas en relación coas súas primeiras novelas”.