DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En memoria do mestre fundador da Escola de Dereito Industrial de Galicia Carlos Fernández-Nóvoa

Un congreso internacional trae a Vigo o debate sobre a propiedade industrial e intelectual na era da Intelixencia Artificial

A esta cita seguiralle o mércores un novo encontro sobre innovación docente no ámbito do Dereito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/10/2023

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolle este luns e martes a cuarta edición do Congreso Internacional Carlos Fernández-Nóvoa, organizado en memoria do mestre fundador da Escola de Dereito Industrial de Galicia, e que nestas catro edicións se ten convertido en foro de referencia nacional das académicas e académicos que se dedican en España á propiedade industrial e da competencia. Nesta ocasión, desenvólvese baixo o lema ‘novas tendencias’, novidades que veñen da man da nova economía e da Intelixencia Artificial con todos os retos que isto trae consigo no que se refire aos dereitos de autor, competencia desleal, propiedade intelectual…

A apertura do encontro contou coa participación do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni, quen remarcou a idea de que este evento se esta a consolidar como principal encontro nacional dedicado ao Dereito da competencia, “un tema non menor se temos en conta todas as novidades que traen consigo as novas tecnoloxías”. Xunto a el, participaron na inauguración, o decano da facultade, Francisco Torres, e, en nome da familia do homenaxeado, o seu sobriño Luis Fernández-Nóvoa, socio director da oficina de Hoying Rokh Monegier en Madrid, un dos despachos de avogados que patrocinan este evento; e os catedráticos Anxo Tato e Julio Costas, directores do congreso. “Estamos nun evento de primeiro nivel no ámbito da propiedade industrial”, explicou o decano, Francisco Torres, docente da Área de Dereito Mercantil, organizadora da xuntanza. Pola súa banda, as primeiras palabras de Anxo Tato foron en memoria de Carlos Fernández-Nóvoa, “por todo o que nos deu e pola súa enorme xenerosidade no seu maxisterio”, e na mesma liña se pronunciou o representante da familia, quen agradeceu a organización dun evento “que honra a memoria do meu tío”.
 
A través de diferentes paneis, relatorios e mesas redondas, o congreso ofrece un foro de discusión sobre múltiples temas de propiedade industrial e competencia, sobre todo, enfocados a como afectan as novas tecnoloxías ao mercado. Entre outras cuestións, ao longo destes dous días falarase, por exemplo, sobre si a Intelixencia Artificial pode considerarse autora ou sobre si a relación coas boas prácticas da ecoloxía lles está servindo a algunhas empresas para branquear a súa imaxe.

II  Congreso internacional de innovación docente

Organizado tamén desde a Área de Dereito Mercantil, en colaboración coa de Dereito Internacional Privado, o mércores arrancará en Vigo unha nova cita internacional, neste caso falamos do II Congreso internacional de innovación docente A ensinanza do dereito a debate. Será no edificio de sesións da Autoridade Portuaria -Peirao de Trasatlánticos- e nesta ocasión o eixe do debate serán os retos que se atopan os docentes á hora de ensinar Dereito, especialmente tendo en conta que o uso das tecnoloxías é un arma de dobre fío, que as materias -desde o Plan Boloña- son unicamente cuadrimestrais, etc.  “A primeira edición funcionou moi ben porque se presentaron ferramentas como os podcast, probas similares a concursos, xogos de rol co alumnado...”, explican desde a organización. Falarase da ensinanza do Dereito en Europa, nos Estados Unidos e en Hispanoamérica, do emprego de xuízos simulados como ferramenta innovadora, da integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ensino do Dereito do Traballo ou, da obrigada adaptación das materias universitarias á dixitalización.