DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Uns 200 participantes tomarán parte nas sesións que se celebrarán no campus e no Ateneo de Ourense

O Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego estrea internacionalidade nunha edición dedicada aos camiños de Santiago

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 11/02/2010

O Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego chega este ano á súa cuarta edición estreando internacionalidade e dedicando os seus contidos aos camiños de Santiago. O encontro desenvolverase entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo e nel participarán especialistas que ofrecerán un punto de vista interdisciplinar que vai dende a antropoloxía e a educación ata a viticultura. Uns 200 participantes, segundo estimacións da organización, terán a oportunidade durante os días que dure o congreso, non só de asistir aos diversos relatorios e mesas redondas, se non tamén de facer pequenos percorridos por algúns tramos do Camiño de Santiago e incluso de asistir a un concerto didáctico. O congreso foi presentado este xoves na Deputación nun acto que contou coa participación de Xosé Manuel Cid, vicedecano da facultade de Ciencias da Educación e un dos organizadores xunto con Xulio e Mariló Fernández Senra, así como o presidente da institución, José Luis Baltar que subliñou a consolidación dunha iniciativa “que contribúe dun xeito decisivo a facer da nosa cultura e da nosa etnografía unha exposición permanente”.
Na súa intervención Xosé Manuel Cid fixo fincapé no carácter internacional que por vez primeira adquire o congreso grazas á participación da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social como membro da organización. “Contamos con membros desta sociedade no comité científico e esperamos contar tamén con comunicacións de fóra de Galicia”, explicou. Cid subliñou tamén a “feliz coincidencia” desta nova dimensión do congreso coa celebración do Xacobeo neste ano 2010.

Polos camiños de Santiago da man dos mellores especialistas

O congreso desenvolverase durante os días 25 de febreiro ao 1 de marzo en tres escenarios: o Edificio de Ferro, o Edificio Politécnico e o Ateneo “para facilitar a asistencia aos relatorios de todas aquelas persoas que estean interesadas”, segundo explicou Cid. O vicedecano subliñou tamén a presenza no evento de Carmen Pugliese, doutora en Historia de orixe italiana e gran coñecedora da temática –dirixe a revista Camiño de Santiago. Revista peregrina, a primeira publicación de carácter nacional dedicada ás rutas xacobeas-. Pugliese será a encargada de pronunciar a conferencia de clausura, o día 1 de marzo no Ateneo, sobre As mulleres no Camiño de Santiago.
Na xornada inaugural que se celebrará o día 25 de febreiro na aula multiusos do Edificio de Ferro terá lugar unha mesa redonda sobre Camiños de Santiago: miradas antropolóxicas para dar paso despois aos distintos relatorios e comunicacións.

Activa participación de docentes e alumnado

Aínda que o congreso está destinado a todas as persoas interesadas na temática, Xosé Manuel Cid subliñou dous colectivos: o profesorado “que atopará nestes encontros unha nova formación e ideas para traballar nas escolas co Camiño de Santiago” e o alumnado “sobre todo da rama de Antropoloxía que se dá en distintas titulacións do campus porque pensamos que non hai nada mellor que achegarse á Antropoloxía dunha maneira viva e práctica”. A mesa redonda do día 26 de febreiro que se celebrará no Edificio Politécnico está pensada moi especialmente para estes dous grupos ao abordar o tema: O Camiño de Santiago a ollos dos educadores. A xornada completarase cun relatorio sobre A viticultura no Camiño de Santiago a cargo do enxeñeiro agrónomo César Fernández e cun concerto didáctico titulado As gaitas no Camiño de Santiago que impartirá Pablo Carpintero.

Fin de semana para percorrer tramos do Camiño de Santiago

O 27 de febreiro, sábado, as actividades do congreso desenvolveranse no Ateneo. Comezarán ás once da mañá cunha mesa redonda sobre Os camiños do sur. Nesta xornada os participantes poderán camiñar por un tramo do Camiño da Vía da Prata que pasa polo casco histórico de Seixalbo e participar tamén nunha excursión ao Bierzo e Vilafranca pasando a noite nun albergue. A xornada do 28 de febreiro, domingo, estará dedicada a facer un percorrido polo Camiño de Santiago en dirección O Bierzo-Triacastela. O congreso rematará o 1 de marzo coa celebración de relatorios e comunicacións e coa conferencia de clausura de Carmen Pugliese.
O Congreso de Patrimonio Etnográfico está organizado pola facultade de Ciencias da Educación do campus, o centro de cultura popular Xaquín Lorenzo da Deputación, a Sociedade Iberoamericanda de Pedagoxía Social e a Asociación Nova Escola Galega.