DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe martes presentouse no Concello o programa da XIV edición de 'El Ojo de Polisemo'

Un congreso reunirá esta semana no campus especialistas en tradución e multilingüismo

Coa participación de premios nacionais como Marilar Aleixandre, Mª Alonso Seisdedos e Xavier Queipo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 05/03/2024

Este xoves e venres o campus de Vigo converterase no epicentro da tradución e o multilingüismo coa celebración da XIV edición do congreso El Ojo de Polisemo. Este evento, organizado entre a Asociación ACE Traductores e o Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, presentouse este martes no Concello de Vigo da man da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e membro do comité organizador, Liliana Valado, e da concelleira de Política Social e Turismo, Yolanda Aguiar. Como explicaba esta última, o obxectivo do evento é poñer en contacto á comunidade universitaria coa parte profesional da tradución literaria e para iso contan co apoio de Cedro e do Concello de Vigo. O evento, que se celebra cada dous anos nunha cidade, ten nesta ocasión como lema Tradución e Multilingüismo. Toda literatura é grande en tradución e centrarase “nas literaturas e combinacións lingüísticas menos habituais, pero necesarias”. Ademais, como en anos anteriores, as persoas  asistentes tamén poderán afondar noutras temáticas "como os inicios profesionais, os dereitos de autoría e as relacións entre as diferentes profesións do libro”. 

Un nexo entre o mundo académico e o profesional

Como explicaba na rolda de prensa a profesora Valado, este é “un congreso, en modo simposio, de tradución, en concreto de tradución de libros, o que nós denominamos tradución editorial”. Con programa “bastante nutrido”, a organización busca expor, sobre todo, “esa visión profesional da tradución de libros en conxunto coa docencia universitaria de tradución. A idea é conxugar esas dúas facetas, a profesional e a académica e científica neste encontro, dirixido sobre todo a alumnado e profesorado da facultade e ao público en xeral”. No congreso participarán destacadas figuras da tradución, como a tradutora e profesora da Universidade de Vigo Helena Cortés, que será a encargada da conferencia inaugural, na que falará sobre El Diván de Oriente y Occidente, de Goethe, por cuxa tradución obtivo o Premio Nacional de Tradución en 2021. Outro importante profesional que participará neste evento é Alberto Avendaño, xornalista, tradutor e académico correspondente da Academia Norteamericana de la Lengua Española, que intervirá na mañá do venres.

Programa cultural aberto ao público

Mentres a parte académica e científica do encontro terá lugar ao longo do xoves e do venres no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o comité organizador traballou para abrir o simposio á cidadanía en xeral coa celebración de varios eventos paralelos. Por unha banda, o edificio Redeiras, sede institucional da Universidade na cidade, acollerá o xoves ás 19.00 horas unha mesa redonda na que participarán “destacadas figuras do mundo literario e da tradución merecedoras de importantes galardóns”, como explicaba a profesora Valado, como son Marilar Aleixandre escritora, tradutora e Premio Nacional de Narrativa 2022; María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo, que obtiveron o Premio Nacional de Tradución 2014 pola versión en galego do Ulises de Joyce, e Moisés Barcia, director de Rinoceronte editora. Ademais, na facultade tamén se poderán visitar varias exposicións, como unha mostra visual de libros traducidos e outra sobre toponimia e humor. Finalmente, o sábado, terá lugar un roteiro literario que percorrerá os escenarios do libro de Domingo Villar, O último barco.