DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Jesús Lorenzana visitou este venres as instalacións do centro guiada por Concepción Paz

A conselleira de Economía sitúa a CINTECX como “exemplo claro” de transferencia tecnolóxica ao tecido produtivo galego

Salientou a súa estratexia de aproximación a sectores clave: automoción, naval, agroalimentario...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 06/10/2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou este venres as instalacións de CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, un centro ao que se referiu como un socio colaborador indispensable e un “exemplo claro” de transferencia de solucións tecnolóxicas fronte aos retos actuais aos que ten que  facerlle fronte a industria galega. Lorenzana foi recibida polo reitor, Manuel Reigosa, e a directora do centro, Concepción Paz, así como polos vicerreitores de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, a quen se sumou logo a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio.

A principal responsable da política económica da Xunta referiuse a Cintecx como un centro de investigación de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo ao que hai que recoñecerlle, dixo, a súa estratexia de aproximación a sectores que son clave na economía galega como a automoción, o naval, o agroalimentario, o aeronáutico ou a pedra natural. Nesta liña, apuntou que, cun cadro de persoal do que forman parte 175 investigadores e investigadoras, desenvolve proxectos en áreas como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento dos recursos naturais, a valorización de residuos industriais, as técnicas de fabricación avanzada, o transporte, a enxeñaría biomédica ou a intelixencia artificial.

Lorenzana puxo ao Cintecx como exemplo dos resultados que achega a colaboración público-privada e a innovación aberta en termos de competitividade: “só o ano pasado foron máis de 100 contratos con industrias galegas para a mellora dos procesos produtivos”, explicou. 

Percorrido polos diferentes laboratorios

A visita arrancou cunha presentación do centro da man da súa directora, Concepción Paz, e, de seguido,  levouse a cabo un percorrido guiado polas súas instalacións. Partiron da Sala de Simulación Numérica e continuouse despois polos diferentes laboratorios: Conversión de residuos e corrente secundaria, Xestión segura e sostible dos recursos minerais, Tecnoloxía enerxética e de fluídos e Sistemas Xeoespaciais, así como o laboratorio de Macro procesamento con láser.

Durante o percorrido o persoal investigador do centro tivo tamén a oportunidade de amosarlle á conselleira e ao seu equipo resumos dos seus traballos, así como das colaboracións que están a manter con empresas de diferentes ámbitos e sectores, desde a automoción (Stellantis, BorgWarner, CTAG…), ata o naval (Ibercisa, Nodosa, Repsol…), pasando pola pedra e os recursos naturais (Cupa), o hidróxeno (Ferroli), o transporte ferroviario (Talgo), o farmacéutico e cosmético (Surfacorn) e a iluminación (Setga).