DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na xuntanza celebrada este martes na sede da Vicerreitoría

O Consello de Campus aborda a actualización do plan estratéxico do proxecto de especialización Crea

Co obxectivo de telo definido no primeiro semestre de 2024, segundo anunciou o reitor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 10/10/2023

A Casa das Campás acolleu este martes a primeira reunión no presente curso do Consello de Campus de Pontevedra, que tivo no seu eixe central os traballos que é preciso acometer de cara a acreditación do Campus Crea como campus de especialización. Nesta reunión, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, presentou a “folla de ruta” dos traballos que será preciso acometer, á vez que explcou que será preciso mudar determinados aspectos do plan estratéxico inicial, unha cuestón previamente abordada nas xuntanzas dos comités consultivos social-empresarial e académico e do consello reitor do Campus Crea, celebradas tamén este martes.

Estas reunións, que combinaron a asistencia presencial e virtual, tiñan como obxectivo presentar aos diferentes órganos o proceso de actualización da documentación que se está a acometer, antes de que o proxecto de especialización se someta á avaliación da Xunta de Galicia. A este respecto, Reigosa apuntou que será preciso acometer cambios neste plan estratéxico. Concretamente, nun dos tres eixes deste proxecto, o da docencia, deberán estar "aquelas titulacións que teñan máis o foco na creatividade", explicou, e a esta sumaranse outros dous eixes, a investigación e a I+D “relacionada coa creatividade” e o traballo coa contorna, “nunha cidade moi relacionada coa cultura e as industrias culturais”. Reigosa referiuse así mesmo a diferentes iniciativas en materia de transferencia e culturais que se inserirían tamén neste proxecto, á vez que, en materia de infraestruturas, explicou que a previsión é que o Campus Crea teña a súa sede nunha das plantas cedidas á Universidade no edificio da Xunta en Benito Corbal. A previsión, engadiu é preparar estes cambios do plan estratéxico nestes últimos meses de 2023, "para que poidamos traballalo no primeiro trimestre de 2024", no que se cambiaría tamén a gobernanza do Campus Crea "para facela semellante ao resto dos campus de especialización". Así mesmo, tamén será preciso "aprobar  un plan de acción", entre outras accións a acometer co propósito de ter prepararda, "sé é posible, dentro do primeiro semestre de 2024" toda a documentación necesaria para que o proxecto poida someterse ao proceso de avaliación.

Por outra banda, Reigosa sinalou tamén que proximamente iniciaranse as negociacións do novo mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia, respecto das que expresou o obxectivo de tratar de incorporar ao campus "un novo grao relativo á creatividade, que sería unha fortaleza máis". 

Enquisa sobre a residencia 

Reigosa informou tamén nesta xuntanza dos resultados obtidos na enquisa realizada ao alumnado co obxectivo de coñecer a demanda que tería unha residencia estudantil en Pontevedra. Segundo explicou, o 98% do estudantado participante na enquisa “considera que debería haber unha residencia universitaria en Pontevedra” e o 64% sinalou tamén estarían interesados en ser usuarios desta. Non obstante, Reigosa tamén sinalou neste punto que polo de agora “non hai ningún avance significativo” nas xestións relativas aos que serían os seus posibles emprazamentos, a posible cesión do actual Hospital Provincial, do que "unha parte estaría moi ben como residencia"; ou os terreos da antiga Tafisa, nos que, como lembrou, a prioridade é construír a sede das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública. 

No referido a estes dous últimos centros, Reigosa salientou tamén o seu "éxito" en termos de matrícula e incidiu no efecto positivo que tivo neste eido a posta en marcha dunha modalidade virtual no Grao en Dirección en Xestíon Pública. En termos xerais, o reitor amosouse "bastante satisfeito cos datos de matrícula", de tal xeito que "no campus unicamente temos agora mesmo un problema" co Grao en Enxeñaría Forestal, un ámbito no que, recoñeceu, "estamos traballando arreo".

Balance de actuacións e futuras actividades

A reunión completouse co informe da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen fixo balance das actuacións realizadas ao longo do pasado curso, á vez que presentou tamén diferentes iniciativas que se levarán a cabo nos próximos meses. Neste último punto, anunciou a próxima celebración dunhas novas xornadas universidade-empresa, dirixidas a conectar os investigadores co tecido empresarial, así como diferentes iniciativas no eido cultural, como a programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, unha nova edición do ciclo dedicado a oficios tradicionais e innovación ou a xornada Talento e superación. En materia de infraestruturas, por outra banda, Lantarón sinalou, entre outros, os traballos que se están a acometer para dotar á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dun ximnasio que sirva tamén como laboratorio de investigación.