DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión celebrada este venres e presidida polo reitor Manuel Reigosa

O Consello de Campus aborda a folla de ruta para o desenvolvemento do Campus Auga

Tras ser acreditado pola Xunta de Galicia como proxecto de especialización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 08/03/2024

O Consello de Campus de Ourense celebrou este venres unha sesión ordinaria que, presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, tivo como protagonista principal o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado o pasado mes por parte da Xunta de Galicia. Na sesión, os membros deste órgano coñeceron as liñas xerais da folla de ruta para o seu desenvolvemento este ano.

“A de hoxe é unha sesión rutineira na que vimos a informar sobre cousas que están en marcha e que interesa que o Consello de Campus coñeza de primeira man”, comentou Manuel Reigosa antes do inicio da xuntanza. Entre estes temas, indicou, estiveron os relacionados coa posta en marcha da acreditación do Campus Auga, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta pola que se acredita como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia.

“Estamos moi satisfeitos do traballo feito para acadar esta acreditación. Eu creo que vai a supor un antes e un despois para o campus de Ourense e que vai a significar unha mudanza para todo el, non só para as titulacións que están relacionadas directamente co Campus Auga”, afirmou o responsable académico. Así, lembrou que acadar esta acreditación conleva “un millón de euros anuais durante os tres vindeiros anos, o cal creo que nos vai a permitir facer moitas actividades, que estarán previstas no convenio que asinaremos coa Xunta de Galicia”. Acadado este recoñecemento, Manuel Reigosa quixo “agradecer o traballo que fixeron todas as forzas vivas deste campus ao longo de todo este tempo e que finalmente culminou con este éxito”.

Gobernanza, docencia, investigación e transferencia

Foi Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, o encargado de expor ante os membros do Consello de Campus unha panorámica desta acreditación e da folla de ruta a seguir para o seu desenvolvemento os vindeiros anos e especialmente neste 2024. O vicerreitor lembrou que as liñas de especialización do Campus Auga céntranse na xestión da auga termal; na agricultura e medio ambiente; na alimentación funcional e en áreas de soporte (como son a intelixencia artificial, economía circular e lexislación). Igualmente fixo un repaso polas titulacións de grao, mestrado e doutoramento e polos grupos de investigación e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación que xa sustentan na actualidade estas liñas.

O vicerreitor expuxo en liñas xerais as actuacións previstas en gobernanza, docencia, investigación e transferencia e innovación que recolle a acreditación do Campus Auga. Así, no eido da gobernanza enumerou aspectos como fortalecer a estrutura de goberno e en docencia a posta en marcha dos coñecidos como dobres graos, citando, entre outros, os de Enxeñaría Agraria-Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría Agraria-Ciencias Ambientais. No eido da investigación, Francisco Javier Rodríguez comentou medidas que se contemplan como o fortalecemento das infraestruturas e en transferencia e innovación a elaboración dunha carteira de servizos.

Outros temas

No seu informe, Manuel Reigosa tamén informou sobre o procedemento para a construción do novo edificio de Aeroespacial. “Estamos agora mesmo facendo algunhas modificacións e preparando o prego para que se comece a construír o antes posible”, afirmou o reitor a este respecto. Alén dos temas directamente relacionados co campus de Ourense, o responsable académico tamén falou de cuestións que afectan ao conxunto da universidade, como as novidades nas convocatorias da Xunta de Galicia para a captación/retención de talento.

Por último, neste Consello de Campus tamén interveu Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, para explicar as accións que está a desenvolver a Área de Normalización Lingüística, en concreto sobre a campaña de fomento do galego entre o alumnado que está realizando este curso académico baixo o lema Galego de Tranquis. A responsable académica explicou as diferentes accións ao seu abeiro, tanto en centros como as previstas en vindeiras datas nas canles dixitais, e pediu a colaboración dos membros deste órgano para a difusión da iniciativa.