DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En caso de darlle o visto bo, o reitor elevaría a proposta deste grao ao Consello de Goberno

O Consello de Campus pronunciarase o luns sobre a implantación de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense

O plan de viabilidade académico e económico tería que presentarse ante a Xunta este verán

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 10/03/2015
Un título útil para Galicia, "atractivo, demandado pola cidadanía e que garanta aos que se forman nel un futuro profesional bo". Así definiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o grao en Enxeñaría Aeroespacial que presentou este martes en Consello de Campus como proposta de implantación no campus de Ourense. Tras uns días para debater a proposta cos responsables dos distintos centros, o máximo órgano de goberno do campus ourensá volverá a reunirse en sesión extraordinaria o vindeiro 16 de marzo para votar se segue adiante coa tramitación deste novo grao. Despois de que a Xunta rexeitara a proposta de Enxeñaría Física, "quixemos facer daquel revés unha oportunidade e ofertar unha titulación do ámbito tecnolóxico que garanta un gran futuro a toda Galicia", explicou o reitor.

Deste xeito, a Universidade de Vigo pon enriba da mesa unha titulación "ambiciosa" que non existe no sistema universitario galego e vinculada ao ámbito tecnolóxico, como recomendaban os informes do Consello Galego de Universidades. Trátase dunha enxeñaría clásica e consolidada que, aínda que nos seus primeiros pasos podería comezar a impartirse nos laboratorios da Facultade de Ciencias e en instalacións do Parque Tecnolóxico de Ourense, a medio ou longo prazo esixiría a creación dun centro propio. Con este grao, a Universidade de Vigo buscaría "unha saída profesional e un futuro para os estudantes" centrándose na aeronáutica e no espazo e no proceso de fabricación que leva aparellado, "onde xa temos unha vantaxe competitiva a nivel europeo".

Pensando no curso 2016-2017

En caso de que o Consello de Campus dera o visto e prace á proposta, o 27 de marzo elevaríase unha expresión de interese ao Consello de Goberno. De aprobarse, conformaríase a Xunta de Titulación interina na que estarían representados todos os centros implicados dende o punto de vista académico: a Facultade de Ciencias e a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e as escolas de Telecomunicación, Enxeñaría de Minas e Enxeñería Industrial do campus de Vigo, así como todos os departamentos do ámbito científico e tecnolóxico no que haxa especialistas nos campos de doutrina desta titulación. A Universidade de Vigo tamén contactará co Colexio de Enxeñeiros Aeronáuticos de España para que participen, xunto ao sector industrial de Galicia, na elaboración do enfoque que debe ter esta titulación para ter unha maior acollida.

Despois, unha comisión será a encargada de elaborar en dous meses o plan de estudo e de viabilidade económica e académica, que se presentaría de novo en Consello de Goberno, onde se establecería un período de exposición pública interno onde se recollan as puntualizacións dos distintos centros. No seus últimos pasos volvería a este órgano de goberno para a súa aprobación definitiva antes de presentar á Xunta no Consello Galego de Universidades que se celebrará no verán. Seguidos todos estes pasos, esta nova titulación podería estar lista para comezar no curso 2016/2017.

Formar tecido produtivo

Detrás desta proposta hai meses de traballo previos no que se fixo un estudo de posibilidades, unha simulación de necesidades para a implantación deste grao e cun plan previo de viabilidade académico, económico e social da titulación que recibiu o apoio da Xunta de Galicia. En caso de implantarse, sería a primeira universidade galega en dispoñer dunha titulación que só se imparte en 10 centros en toda España e serviría para dar resposta a unha necesidade produtiva real, xa que o sector aeronáutico galego opera fundamentalmente en Ourense.

Nun mercado que creceu nun 300% nos últimos oito anos e cunha evolución de emprego positiva, esta enxeñaría baseada en tecnoloxías de altas prestación non pode vivir sen investir en I+D, o que supón "unha grande oportunidade porque aceleraría enormemente as achegas para innovación e desenvolvemento non só neste grao, senón no resto de titulacións da Universidade de Vigo, porque a través deste foco tractor de I+D vanse xerar moitas colaboracións transversais", salientou Mato. Neste momento, o tecido español non é capaz de absorber nin sequera a facturación nacida de compromisos europeos e factura 10 veces menos que Reino Unido, 9 que Francia ou 7 que Alemaña. "Temos que ser capaces de coller o que nos corresponde. E para acadalo a Galicia faltáballe a oferta académica que nos estamos propoñendo e que se complementa coa oferta tecnolóxica na que estamos moi avanzados a través da nosa Agrupación Aeroespacial", recordou o reitor.

Campus da Auga

Nesta sesión ordinaria do Consello de Goberno tamén se trataron outros temas, como o estado de execución do Campus da Auga. Así, por exemplo, na reunión déronse conta do acordo asinado para que Universidade de Vigo e Instituto Politécnico de Porto traballen de xeito definitivo na dobre titulación no grao de Turismo e Xestión Hoteleira. Ademais, tamén se informou aos representantes neste órgano de goberno dunha nova actividade nacida ao acubillo deste campus de especialización, un congreso internacional centrado na auga organizado entre o campus de Ourense, Concello e Deputación e que se celebrará na segunda semana de setembro.