DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Suporá a consolidación de 18 docentes e investigadores

O Consello de Goberno aproba unha nova convocatoria do programa de promoción de investigadores

Iago Varela, de Comités, representará ao alumnado da Universidade de Vigo en Madrid

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/02/2011
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou na sesión ordinaria celebrada este luns unha nova convocatoria do programa especial de promoción do persoal docente e investigador, unha iniciativa que se lanzou no 2005 e grazas a que xa se consolidaron 61 persoas: nove investigadores Ramón y Cajal, 31 Parga Pondal, 10 profesores axudantes, 10 asociados e un visitante. A nova convocatoria suporá agora a posibilidade de consolidación para 18 investigadores: oito do eido científico, catro do tecnolóxico, tres do xurídico-social e tres do humanístico.

“O que estamos dicindo é que esta Universidade no peor momento económico da súa historia está facendo unha aposta estratéxica para consolidar a este colectivo”, subliñou no transcurso da sesión o reitor, en referencia aos investigadores e docentes que están emerxendo con méritos científicos suficientes para poder optar a unha praza de profesor titular de Universidade ou de profesor contratado doutor, indicou Mato, que, noutro intre da sesión, aproveitou tamén para felicitar ao equipo de rugby polos éxitos que está acadar.

Como principais novidades desta convocatoria destaca o requisito de contar cunha antigüidade mínima de tres anos, algo que a xuízo da vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estevez, “ordena moito mellor o procedemento, faino máis solidario co resto do colectivo e máis eficiente a medio e longo prazo”, ao que engadiu que a idea é manter este tipo de plan durante os vindeiros dous ou tres anos “e a partir de aí, e xa dende agora, ir marcando outro tipo de plan no que dende o principio os investigadores saiban os obxectivos que terán que alcanzar”. Precisamente, nesta liña, interveu o profesor Armando Caballero que, en nome de Nova Universidade, apoiou tamén este punto e fixo fincapé na importancia de manter os requisitos nas diferentes convocatorias “algo fundamental para evitar o desacougo que pode provocar nos investigadores os cambios na normativa”.

Sesión moi centrada en temas docentes

Nunha sesión moi centrada en temas de docencia, o Consello de Goberno aprobou tamén a normativa de recoñecemento no POD do curso que ven, o que ata agora se coñecía como desgravacións docentes, tanto por actividades propiamente docentes, como de investigación e xestión. Máis alá do cambio de nome, ao que Jaime Cabeza se referiu como “moi acaído”, a nova norma supón unha revisión da que se estaba aplicando ata o de agora, ao que Salustiano Mato engadiu que se está xa a traballar nun documento máis global “un novo contrato programa por obxectivos” no que a idea é recoñecer o traballo do profesor desde todos os puntos de vista: docente, investigador, transferencia, xestión...

Empréstito gratuíto de portátiles

Ademais dos temas docentes o Consello de Goberno elixiu a Iago Varela, responsable dos Comités en Vigo, representante do alumnado da Universidade de Vigo no Consejo del Estudiante Universitario del Estado, que obtivo 14 votos a favor, fronte aos seis acadados polo outro candidato que optaba á elección, Estevo Sánchez.

Doutra banda, aprobouse tamén unha normativa que regula o empréstito de ordenadores portátiles nas facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo, unha iniciativa que facilita ao alumnado destes centros contar con 36 ordenadores portátiles para o seu uso e, noutro punto da orde do día, actualizouse tamén o estatuto de regulamento do Coro Universitario, establecendo que, no caso de que a intervención musical do coro teña lugar a pedimento dun centro adscrito ou dunha institución allea á Universidade, será esta directamente a que facture a razón das taxas fixadas polo Consello Social.

Na sesión de hoxe aprobáronse tamén numerosos convenios de colaboración con universidades de Chile, Brasil, Arxentina, México e mesmo Corea, para seguir ampliando a rede de centros cos que a Universidade ten convenio, sobre todo, no que se refire a intercambio de estudantes.