DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cambios veñen derivados da recente aprobación da LOSU e da Lei da Ciencia

Consello de Goberno extraordinario para “clarexar” cuestión urxentes sobre a organización da docencia do próximo curso

Referentes aos concursos de prazas de profesorado axudante doutor e ás horas de docencia do persoal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/05/2023

A Universidade celebrou este xoves un Consello de Goberno Extraordinario para clarexar diferentes cuestións relacionadas coa convocatoria dos concursos de prazas de profesorado axudante doutor/a e a asignación das horas de docencia das distintas figuras do persoal investigador, cambios que veñen derivados da recente entrada en vigor da LOSU -Ley Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, del Sistema Universitario- e da Lei da Ciencia -Ley 17/2022, de 5 de setembro-.

A sesión contou con dous únicos puntos na orde do día, un sobre os concursos de prazas de profesorado axudante doutor e outro sobre a proposta de asignación de horas de docencia das distintas figuras do persoal investigador. “Eran cuestións que estaban formuladas para tratar na mesa de negociación do Persoal Docente e Investigador pero que debido á celebración das eleccións  sindicais do PDI,  os seus representantes, con bo criterio, nos pediron adiar ata que estiveran constituídos os novos órganos de representación. Así o faremos salvo con estas dúas cuestións, xa que consideramos que son temas urxentes”, explicou o reitor, Manuel Reigosa no inicio da sesión.

Acceso ás prazas de profesor/a axudante doutor/a

A explicación do punto 1 correu a cargo da nova vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, quen subliñou que  segundo a disposición transitoria terceira da nova LOSU a acreditación vixente de profesor/a axudante doutor/a ou da figura equivalente na normativa autonómica considerarase como un mérito preferente durante os catro anos posteriores á probación desta lei orgánica, a efectos do acceso á esta figura de profesor/a. Nesta liña, o equipo de goberno levou ao consello unha proposta segundo a cal se ao concurso concorren persoas candidatas acreditadas que presenten un CV na área á que se vincula a praza, terán prioridade na orde de prelación para a provisión da praza sobre as persoas non acreditadas. “A nosa idea é que ao longos dos catro anos que marca a lexislación haberá que traballar este tema dentro da mesa de negociación porque a situación vai a ir mudando”, apuntou o reitor, quen explicou que neste primeiro ano as persoas que non estaban acreditadas “se non houbera LOSU non se poderían presentar ás prazas de axudante doutor e esta é unha situación diferente á que vai acontecer dentro de dous anos, cando as persoas que rematen a tese de doutoramento xa non se poderán acreditar como axundante doutor/a porque esa acreditación xa non existe”.

No debate deste punto con diferentes persoas integrantes do Consello de Goberno a profesora Consuelo Pérez puxo sobre a mesa o seu desacordo con que unha persoa candidata “polo feito de estar acreditada teña preferencia con respecto a outra que, polos motivos que sexa, non teña acreditación, pero que pode ter un currículo moito máis importante”. Tras debaterse na sala esta cuestión levouse a cabo unha votación para elixir entre a proposta formulada polo equipo de goberno - interpretación da acreditación como “mérito preferente” nos concursos de prazas de Axudante Doutor para o curso 2023/2024- e a achegada pola profesora Pérez, segundo a cal “en igualdade de méritos as persoas acreditadas terán preferencia”. O resultado da votación foi de 31 votos a favor da proposta da mesa do consello, 3 a favor da impulsada por Consuelo Pérez e unha abstención.

Horas de docencia do persoal investigador

Con respecto ao segundo punto da orde do día, a vicerreitora de Investigación Belén Rubio explicou que unha modificación na Lei da Ciencia cambia a dedicación das investigadoras e investigadores con contrato de acceso de persoal investigador doutor “en referencia a que poden realizar actividade docente ata un máximo de cen horas anuais” e o mesmo para os contratos de investigador/a distinguido/a. Nesta liña, levouse a consello un documento no que se especifican o máximo de impartición de horas en cada unha das convocatorias -nunca superior a esas cen horas estipuladas na lei-: posdoutoramento da Xunta -30 horas anuais para as convocatorias 2021 e 2022-; posdoutoramento Juan de la Cierva -80 horas anuais-; Ramón y Cajal -que pasaron de 80 horas a 100 na última convocatoria-; Beatriz Galindo -que pasarán de 160 horas a 100-; Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo -quedarán tamén en 100-; Margarita Salas -30 horas por curso académico-;María Zambrano -60 horas por curso académico- e Programa Oportunius (cen). Esta proposta foi aprobada por asentimento.