DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo horario durante os exames

Constante afluencia de usuarios esta fin de semana na Biblioteca Central do campus

Permanecerá aberta sábados e domingos 8:00 a 20:00 horas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 21/01/2008

Esta fin de semana os estudantes fixeron algo máis que descansar xa que, a piques de empezar os temidos exames do primeiro cuadrimestre, hai moitos apuntes que memorizar e moitos traballos que entregar. Pero a boa nova foi que puideron utilizar as instalacións da Biblioteca Central do campus, xa que esta foi a primeira fin de semana das catro que abrirá durante a época de avaliacións. Ao longo do sábado e do domingo, a afluencia de estudantes foi constante, sendo a tarde do sábado o momento de maior número de usuarios con 145 persoas. Na mañá do domingo foi cando menos actividade tivo o centro, recuperando un pouco xa pola tarde, na que se contabilizaron 75 alumnos ao redor das 17.00 horas.

A conta atrás

Coas clases a piques de rematar, os estudantes do campus de Pontevedra xa comezaron a planificar as súas xornadas de estudo. Desde a Biblioteca Central prevese que, aínda que esta primeira fin de semana houbo bastante afluencia, o número de usuarios se incremente notablemente durante os vindeiros días. “A medida que nos achegamos ás datas de exames hai máis actividade no centro”, comenta un dos traballadores da biblioteca localizada na Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación.
O horario do centro neta época de exames é de luns a venres de 8:00 a 3:00 da madrugada e durante a fin de semana de 8:00 a 20:00 da noite.