DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O órgano de goberno celebrou hoxe dúas sesións extraordinarias 

Constituído o Consello de Goberno da novena lexislatura, na que Yolanda Lesmes será a nova xerenta

O pleno do Consello Social aprobou a designación de Lesmes á fronte da Xerencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/07/2022

A constitución do Consello de Goberno da novena lexislatura e o trámite de audiencia a este órgano sobre a persoa que exercerá a Xerencia os vindeiros catro anos centraron as dúas sesións extraordinarias que o órgano colexiado da UVigo celebrou este xoves. O reitor, Manuel Reigosa; o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel; a xerenta,Yolanda Lesmes Romero, cuxo nomeamento foi aprobado hoxe polo pleno do Consello Social, integrarán o órgano de goberno, que completan 15 membros designados polo reitor, entre os que figuran as e os vicerreitores; 20 membros elixidos polo Claustro de entre os seus membros, dos que dez forman parte do persoal docente e investigador, oito deles doutoras ou doutores con vinculación permanente á Universidade, oito estudantes e dous membros do persoal de administración e servizos; 15 membros elixidos polo Claustro entre as persoas que desempeñen a dirección dos centros e das unidades docentes e de I+D+i; tres membros do Consello Social, que non pertencen á comunidade universitaria;, ademais de catro representantes sindicais, con voz, un por cada unha das forzas sindicais máis votadas entre o PDI funcionario, entre o PDI laboral, entre o PAS funcionario e entre o PAS laboral.

Unha vez constituído o Consello de Goberno, o reitor deulles á benvida ás e aos seus integrantes, asegurando que “traballaremos arreo para que a UVigo siga mellorando”. 

Unha especialista en Recursos Humanos á fronte da Xerencia

O constitución do Consello, xunto coa aprobación da acta de constitución deste órgano centraron a primeira sesión extraordinaria do Consello, á que seguiu outra na que se abordou o trámite de audiencia sobre a persoa que exercerá a Xerencia, a licenciada en Dereito Yolanda Lesmes Romero. Logo de dar lectura ao artigo 33 dos Estatutos da UVigo, no que se detalla o procedemento para a súa designación, así como que “terá a consideración de alto cargo, dedicación a tempo completo e a súa función será incompatible con calquera outra actividade profesional pública ou privada”, Manuel Reigosa destacou algún dos logros académicos e profesionais de Lesmes á quen se referiu como “unha especialista en Recursos Humanos, con habilidades directivas”. O reitor, que lembrou que, segundo se recolle nos Estatutos da UVigo aprobados en 2019, será a Xerencia quen se encargue da elaboración dos orzamentos da institución, confirmou que Lesmes dirixirá un equipo formado por catro vicexerentes, tres procedentes da UVigo e unha persoa externa á institución.

No pleno do Consello Social, celebrado con posterioridade ao Consello de Goberno, a designación da nova xerenta foi aprobada co respaldo de todos os seus integrantes, salvo dous membros que se abstiveron. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, destacou na súa intervención a consistencia do currículo de Yolanda Lesmes, así como a “dilixencia e traballo” do equipo de goberno da UVigo na súa elección.

Yolanda Lesmes, ata o de agora responsable da Dirección de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e anteriormente da Dirección de Recursos Humanos da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, incorpórase ao cargo en substitución de Raquel Souto García, que desempeñou o posto de xerenta durante o primeiro mandato de Manuel Reigosa. A nova xerenta da UVigo desenvolveu a súa traxectoria profesional na asesoría xurídica da Dirección Provincial do Sergas en Vigo, sendo ademais xefa de servizo de Recursos e Reclamacións , asumindo tamén a subdirección de Relacións Laborais e Réxime Xurídico na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Secretaria provincial da Consellería de Asuntos Sociais en Pontevedra, ocuparía posteriormente, entre os anos 2009 e 2018 a Secretaría Territorial da Xunta de Galicia en Vigo.