DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende este mércores e ata o venres no Centro Cultural Novacaixagalicia

A contaminación e os efectos da sobrepesca saen á superficie na Semana de Cine Submarino

O día 25 proxectarase o documental máis caro da historia, ‘Océanos’

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 21/11/2011
Os océanos e mares do planeta albergan unha riqueza infinita e unha beleza inigualable. Pero tamén son obxecto de perigos e ameazas que desafían o equilibrio e supervivencia dos ecosistemas. Por iso, a Semana de Cine Submarino, na súa vixésimo primeira edición, mergullará ao espectador nesta dicotomía entre a grandiosidade das profundidades mariñas e os riscos aos que están sometidas pola acción do ser humano.

A inmersión constará de catro etapas repartidas en tres días. O mércores arranca o festival coa proxección de Pacífico Sur e Planeta Humano, o xoves con El final de la línea e o venres baixarase o pano con Océanos, o documental máis caro da historia. Na presentación do programa, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, destacou que a Semana da Cine Submarino é unha aposta da institución académica non só pola divulgación científica do medio mariño, senón tamén “polo respecto ao mar" da que é a Universidade do Mar de Europa.

Costas destacou, xunto co director do certame, José Luis González, que os problemas de financiamento non supoñen unha diminución da calidade, “senón un esforzo maior por parte da Universidade” para manter e incluso superar os criterios de edicións anteriores. Subliñaron ambos que o Campus do Mar supón un aliciente para este tipo de actividades e demanda da Universidade un compromiso maior co fomento, coñecemento e divulgación do medio mariño. Non deixar caer no esquecemento esta semana audiovisual tras 20 anos ininterrumpidos de cine submarino é, para o seu director “un acto de valentía por parte da Universidade nunha época de constantes recortes e peches”.

As ameazas dos océanos

Nesta edición da Semana de Cine Submarino de Vigo, a organización decidiu prestar especial atención ás ameazas ás que están sometidos océanos e mares do planeta, entre elas a contaminación e a sobreexplotación pesqueira. O programa comezará o mércores con Pacífico Sur. Un océano infinito, documental da BBC que percorre, da man dos superviventes dun naufraxio, a fauna das distintas zonas do sur do océano máis extenso do mundo. Nesta mesma xornada preséntase Planeta Humano, unha peza de 50 minutos que amosa as artes de pesca máis extremas do mundo, dende os percebeiros galegos ata os baleeiros polinesios ou a captura de quenllas a lazo en Papúa.

O xoves proxectarase El final de la línea. Salvemos el mar, unha cinta que o director do festival cualificou de “atípica”, xa que é a propia comunidade científica, “e non só ONGs” a que alerta dos perigos da sobrepesca. “Non podemos fuxir do lado máis negativo e refuxiarnos sempre en documentais sobre a beleza do mar”, apuntaba José Luis González, porque existe un risco real “de perder en 2048 as especies comestibles mariñas".

Para baixar o pano a organización reserva a peza máis espectacular do programa, Océanos, o documental máis caro da historia, cun custo de 50 millóns de euros. Tras catro anos de rodaxe e oito de traballo, esta cinta ofrece ao espectador unha viaxe polos mares máis apartados e desvela os grandes contrastes que acontecen nos océanos, “con toda a súa crueza e grandiosidade, pero sobre todo retrata o desprezo do home polo medio ambiente que se traduce en ríos de lixo e fondo mariño tapizado de desperdicios” explica González.

Horarios e coloquios

As proxeccións terán lugar no Centro Cultural Novacaixagalicia ás 20.00 horas e, tras elas, proponse o debate cos expertos relacionados con cada contido. Neste sentido, González subliñou a aposta por investigadores e científicos da casa, porque cun Campus de Excelencia centrado no mar “non temos que ir buscar nada fóra”. Así, os convidados serán Pablo Durán, do IEO, Pablo Carrera, ata agora director do Museo do Mar e científico tamén do IEO e Emilio Fernández, director do Campus do Mar. Láiase sen embargo o director deste evento, da falta de presenza de documentais galegos, “por problemas de orzamento” e demandou unha maior implicación porque “se os nosos cineastas non gravan e divulgan a riqueza do noso litoral, non vai vir nunha produtora de fóra a facelo por nós”.

Para achegar o coñecemento mariño a todos, e como en edicións anteriores, os tres días de 10 a 12 horas haberá unha sesión matinal de proxeccións para os centros de ensino da provincia de Pontevedra.