DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Dolores Vilavedra afonda na faceta narradora de Álvaro Cunqueiro

Contar sinxelo coma quen come pan

O escritor é o protagonista do 'IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia'

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 03/05/2011
Cúmprense 100 anos do nacemento do escritor Álvaro Cunqueiro. Un centenario que se converte nunha excelente ocasión para afondar na súa figura e obra e para contribuír á súa difusión. Con estes obxectivos, o Liceo de Ourense dedica ao escritor lucense o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia. O Cunqueiro xornalista, o Cunqueiro narrador e o Cunqueiro familiar son algunhas das facianas deste polifacético escritor que aborda esta iniciativa.

O IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizado coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, comezaron o venres cunha intervención a cargo do catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero. Gran coñecedor da figura de Cunqueiro, Alonso Montero expuxo a súa faciana como xornalista, antes e despois da guerra de 1936. Este luns, a profesora Dolores Vilavedra foi a encargada de continuar as conferencias falando da traxectoria como narrador de Cunqueiro, unha faceta que desenvolve tras a etapa de posguerra.

Durante a súa intervención Vilavedra explicou como Cunqueiro “era un home plural, polifacético, que cultivou case todos os xéneros e que incluso inventou algún”. Segundo salientou, a “pulsión narradora” do escritor naceu na súa nenez, pois tal e como o propio Cunqueiro dixo “pasei a miña infancia escoitando”, escoitando historias na botica do seu pai e no Mondoñedo da época. Desa época agromaría logo o seu interese por “contar chan e sinxelo, coma quen come pan”.

Unha vida fabulando

“Cunqueiro pasouse a vida contando, fabulando. Tiña tanto que contar que o canalizaba en todo tipo de formatos” comentou Vilavedra. Entre eses formatos apareceu en escena a novela, grazas á intervención de Francisco del Riego, que lle dixo a Cunqueiro que escribise novela e Cunqueiro aferrouse a iso coma unha nova ilusión da que nacería o libro Merlín e familia. O escritor atopábase entón de regreso a Mondoñedo despois de serlle retirado o carné de xornalista e o favor do réxime e separarse da súa muller.

Deste xeito naceu o Cunqueiro narrador, que se converte “nun dos pais da novela galega contemporánea e que por primeira vez e de xeito consciente afasta este xénero dos modelos rurais e costumistas”, destacou Dolores Vilavedra. Coma toda creación visionaria e adiantada ao seu tempo, Merlín e familia non contou nos primeiros anos co recoñecemento dos lectores e da intelectualidade, tal e como demostra o feito de que aínda que se editou o libro en 1955 non hai unha segunda edición ata 1968.

Tras esta conferencia de Dolores Vilavedra, o ciclo pecharase o xoves 5 de maio cunha intervención a cargo de César Cunqueiro, que falará sobre Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso. Será ás 20.15 no Liceo ourensán.