DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado xóganse nunhas eleccións parte da súa nota nunha materia

A contenda electoral enche a Facultade de Comunicación de carteis, reivindicacións e actividades para captar votantes 

As formacións inspíranse en películas, música ou referencia irónicas á corrupción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/04/2024

Co obxectivo de que poñan en práctica os coñecementos que adquiren na materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, a Facultade de Comunicación acolle un ano máis unha particular campaña electoral, á que concorren catro partidos ideados polo alumnado. Co cinema, a música ou referencias irónicas á corrupción como inspiración, o estudantado da materia creou catro partidos que mediranse o vindeiro xoves 2 de maio nunha votación que decidirá parte da súa nota na parte práctica da materia. Promovida polo profesor Xosé Rúas, a campaña arrancou este luns coa pegada carteis e nestes días as diferentes formacións promoven diferentes actividades, como xogos ou sorteos, nos postos cos que contan na planta baixa do centro. Así mesmo, como indica Rúas, este mércores terán lugar os “mitins de presentación de partidos e candidatos”, mentres que o martes 30 celebrarase un debate electoral, previo á votación do xoves 2, aberta ao estudantado, profesorado e persoal do centro, coa excepción do propio alumnado participante na campaña.

Como se dun “xogo de rol” se tratase, cada un dos partidos debeu designar unha persoa candidata, un voceiro e diferentes equipos de traballo. Así, estes comicios teñen nesta ocasión a Noela Sanjurjo, Uxía De la Campa, Alba Brandín, e Mario Otero como candidatas e candidatos dos partidos FCom 2000, Donde quiero estudiar, P*tos Publicistas, e Resacón en la FCom, respectivamente.

Das propostas aos sorteos

“Defender os dereitos do alumnado, traballando desde a igualdade e a inclusión para crear un sitio onde queiramos vir estudar” constitúe o lema de Donde quiero estudiar, unha formación que optou por instalar o seu posto de campaña ás portas do centro. “Unha das cousas que defendemos é que a facultade non é só o edificio, senón tamén todo o que hai fóra: ás prácticas, os proxectos extracurriculares...”, sinala Uxía De La Campa, candidata dunha formación que avoga por unha “estética desenfadada” e por levar a cabo as súas actividades no exterior da facultade.

Inspirando a súa estética na película Resacón en Las Vegas, o partido Resacón en la FCom propón “reivindicar Pontevedra como cidade universitaria”, como sinala o seu candidato, Mario Otero. “Cremos que ten moito potencial e que podemos aproveitalo para fusionar o ocio universitario e a mocidade co éxito académico, que non son cousas incompatibles”, sinala este alumno do que é o eixo de campaña desta formación. Partindo desta idea, o partido promove nestas xornadas unha serie de xogos e competicións ás que suma tamén o sorteo de diferentes agasallos. 

Por outra banda, o cinema, a música e a estética de inicios do século XXI inspiran o partido FCom 2000, que optou por “coller esas referencias que nos conectan como xeración para mostrar que é máis o que nos une que o que nos separa”, como apunta a súa candidata, Noela Sanjurjo. De feito, xunto a sorteos e outras actividades, buscarán tamén “potenciar unha serie de dinámicas de colaboración”, como pór en contacto a estudantes con “proxectos persoais que poderían ser compatibles” ou a alumnado que participou no programa Erasmus con outro que teña previsto facelo.

Finalmente, unha serie de referencias irónicas á corrupción definen as actividades que leva a cabo o partido P*tos Publicistas. “Cada día vai estar inspirado en casos como o dos másters falsos ou o das tarxetas black”, co obxectivo é por de relevo que o alumnado “consegue as cousas por méritos propios”, sinala a súa candidata, Alba Brandín. Con esa idea, buscarán na súa campaña “loitar porque haxa mellores condicións na facultade, en temas como traballos de fin de grao de calidade, experiencias Erasmus, prácticas accesibles...”, co obxectivo, sinala, de “mellorar a experiencia universitaria".