DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Serán inaugurados o mércores 1 de febreiro polo escritor José María Merino

O conto será o protagonista dos XXII Encontros Literarios do Liceo

A cita celebra 22 anos de historia nesta edición

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 30/01/2012

Levan 22 anos falando de literatura e para celebralo os Encontros Literarios do Liceo de Ourense escolleron para a súa edición deste ano nun dos grandes xéneros da literatura, o conto. Os escritores José María Merino e Antón Riveiro e a catedrática Camiño Noia serán os encargados de afondar a través de cadansúa conferencia en diferentes aspectos da literatura breve, desde o conto como forma de coñecemento ata as obras deste tipo de Carlos Casares. Os encontros literarios, a pesares da crise, abren as portas do Liceo para como cada ano converterse nunha cita de referencia cultural na cidade das Burgas.

Os encontros foron presentados este luns polo presidente en funcións da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras; e o xerente do Liceo, José Luís Troitiña. Durante a presentación, Rosendo Fernández quixo salientar o papel de figuras clave para a supervivencia desta cita durante máis de dúas décadas, con especial atención ao precursor dos encontros, o escritor Carlos Casares, a do continuador do seu traballo, Marcos Valcárcel, e a do ata agora presidente da deputación provincial, José Luís Baltar.

Homenaxe a Carlos Casares

María Lameiras destacou que a continuidade dos XXII Encontros Literarios do Liceo é unha mostra de que "a sociedade está viva e ten sentido crítico, e sen lugar a dúbidas a Universidade de Vigo seguirá apoiando esta actividade porque é unha fonte de riqueza e de progreso”. Pola súa banda, José Luís Troitiña quixo agradecer á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo o seu apoio e salientou que este ano se cumpre o décimo aniversario do pasamento de Carlos Casares. Por este motivo, explicou, a temática escollida para os encontros é o conto, "o conto como soporte narrativo para contar historias". “Carlos Casares era un especialista no relato breve, un xénero que condensa unha gran forza narrativa, algo que Casares era capaz de explotar coma ninguén”, apuntou Troitiña.

O programa deste ano comezará o día 1 de febreiro, ás 20.15 horas, na Aula de Cultura do Liceo, coa conferencia do escritor José María Merino Sánchez, que falará sobre O conto como forma de coñecemento. O día 2 de febreiro, á mesma hora, ofrecerá unha conferencia a catedrática Camiño Noia, que disertará sobre Do contar da oralidade ás narracións breves de Casares. Finalmente, o día 3 de febreiro, terá lugar a última conferencia a cargo do escritor Antón Riveiro Coello e baixo o título Contando a Historia. As invencións de Clío.