DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cativos da Escola Infantil do campus visitan a biblioteca municipal

Contos para estimular a imaxinación e creatividade dos máis pequenos

A actividade pretende achegar aos nenos e nenas á lectura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 08/05/2013

Toda unha aventura para achegarse ao mundo das letras é a que viviron este mércores 12 nenos e nenas da Escola Infantil do campus ao visitaren a biblioteca municipal. Á súa chegada, os cativos e cativas de entre un e dous anos foron recibidos por unha contacontos que, a través das súas verbas, os achegou ao máxico mundo da lectura. A súa historia e a contorna fixeron gozar ao alumnado máis novo dunha actividade extraescolar que se realiza por primeira vez neste curso académico.

Os nenos e nenas están a traballar na aula nun programa de iniciación á lectura, así que esta saída “complementa perfectamente” todo o estudado nas clases, segundo comenta a directora da Escola, Ángeles Rodríguez. Neste último mes, o alumnado familiarizouse cunha pequena biblioteca situada no centro elaborando o seu propio carné identificativo e mais un marcapáxinas. Tamén se achegaron á figura do contacontos e ao mundo do teatro.

“Aos cativos e cativas encántanlles os contos e estes son unha ferramenta imprescindible para o seu desenvolvemento persoal”, subliña Rodríguez. A maiores, “estas historias, na maioría dos casos de clara vocación didáctica, contribúen a estimular a súa imaxinación e creatividade”. O profesorado coincide en salientar que o feito de estaren nunha biblioteca de gran tamaño, en comparación coa que dispoñen na Escola, tamén axuda a que o alumnado máis novo se familiarice co libro en formato tradicional e non só coa súa versión dixital.

Máis actividades ata o remate do curso

Este venres 10 será a quenda dos nenos e nenas de entre dous e tres anos para coñeceren de primeira man da biblioteca municipal e tomar contacto directo cunha morea de libros nas que se contan centos e centos de historias. Pero esta non é a única actividade extraescolar que ten programada a Escola Infantil para as vindeiras semanas: pasear ao aire libre polo campus e deterse no parque que hai á súa entrada ou visitar a Illa das Esculturas son algunhas das saídas previstas pola organización. Como colofón a este programa inclúese a realización dunha excursión final de curso aínda por concretar.