DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos internacionais reuniranse en Vigo no Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura E

Converter a agricultura nun modelo sostible precisa do papel activo de produtores e consumidores

Debaterán sobre como iniciativas agroecolóxicas innovadoras poden transformar espazos rurais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/03/2012

A crecente preocupación por un desenvolvemento sostible e respectuoso coa contorna ten un dos seus principais eidos de actuación na agricultura. A través da agroecoloxía trátase de administrar os sistemas agrarios xerando pouco impacto negativo no ambiente ao tempo que garante unha xustiza alimentaria a través do acceso equitativo aos produtos obtidos destes sistemas. Pero este cambio de modelo cara unha visión sostible e ecolóxica precisa non só da implicación dos produtores senón tamén do consumidor, que é o que debe mercar e demandar este tipo de produtos. Sobre esta necesaria colaboración, entre outros temas, afondarán labregos, expertos, investigadores e movementos sociais no IV Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica que se celebrará no campus de Vigo entre o 21 e o 23 de xuño.

A organización deste simposio corre a cargo do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, que leva dez anos traballando no deseño estratexias de xestión dos recursos que garantan a xustiza social e a sustentabilidade ambiental. Damián Copena é un dos investigadores de GIEEA e explica que este congreso internacional, que chega este ano á súa cuarta edición, “trata de combinar a visión científica co coñecemento práctico de experiencias concretas e reais que se están a realizar en Galicia, no resto do Estado e noutros lugares do mundo”.

Máis de 200 asistentes previstos

Esta edición do congreso centrarase en iniciativas agroecolóxicas innovadoras que favorezan a transformación dos espazos rurais, e o simposio está organizado en tres dimensións fundamentais da agroecoloxía, por unha banda a técnico produtiva; por outra a política e, finalmente, a sociocultural. Así, trataranse temas tan relevantes para o futuro da agricultura como como os sistemas agrícolas e gandeiros agroecolóxicos, a biodiversidade, o aproveitamento dos montes, a soberanía alimentaria, o papel da muller ou os coñecementos tradicionais. O derradeiro día do congreso, os asistentes visitarán a Cooperativa Monte Cabalar no concello da Estrada.

Se na pasada edición déronse cita neste congreso 200 persoas, este ano a organización agarda superar esta cifra con asistentes principalmente de Galicia e doutras comunidades autónomas, así como do estranxeiro con 18 representantes brasileiros, xunto con investigadores de Venezuela, Cuba, Colombia, México, Italia, Arxentina e Holanda. Entre os relatores destaca a presenza de Fernando Silva de Oliveira Baptista, do Instituto Superior de Agronomia da Universidade Técnica de Lisboa e de dúas referencias no eido da soberanía alimentaria, Marta Rivera e Asther Vivas.

De cara ao futuro, o obxectivo é “afondar e potenciar a vertente internacional do congreso”, apunta Copena, para que se converta nun referente máis alá de España, sobre todo nos países de Latinoamérica.

O futuro sostible da agricultura

A agroecoloxía e a agricultura ecolóxica “poden e deben”, segundo Damián Copena, ser motores da dinamización rural e do aproveitamento sustentable dos recursos propios de Galicia, do Estado e do mundo. Pero para iso o investigador destaca a necesidade de pór en valor “os coñecementos tradicionais, as variedades locais adaptadas ás condicións propias de cada lugar, a maior autonomía de cada experiencia produtiva, o uso sostible dos recursos propios e a cooperación entre os distintos axentes implicados no desenvolvemento rural”. Pero a posibilidade dunha agricultura ecolóxica non é posible sen a implicación dos consumidores, para o que se preciso a formación e a concienciación. Os expertos destacan a importancia de que exista unha demanda real de produtos sostibles, un consumo alternativo, por iso recalcan que “os novos modelos de produción e consumo sostible teñen que partir de alianzas entre as persoas produtoras e os consumidores conscientes mediante o tecido de redes que sirvan para mudar o modelo e facelo máis sostible”.