DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo salientou o investigador luso Manuel Gama nun encontro en CCSS e da Comunicación

A cooperación cultural entre Galicia é Portugal “é obvia e natural, mais aínda está por potenciar”

O campus acolleu unha das xornadas itinerantes dun proxecto de investigación sobre redes culturais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 16/09/2016

Estudar as boas prácticas existentes en materia de cooperación cultural co obxectivo de fomentar o traballo en rede dos profesionais do sector en Portugal é o propósito co que o pasado ano botou a andar o proxecto de investigación Redes de Cooperación Cultural Transnacionais: Portugal europeo, lusófono e iberoamericano, que coordina o investigador da Universidade do Minho Manuel Gama. Co propósito de expandir esta análise máis aló das fronteiras do país veciño, esta iniciativa deu pé á creación dun laboratorio itinerante que, no seu percorrido por 17 universidades españolas e portuguesas, detívose este venres na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Fíxoo para promover un encontro entre axentes culturais de ambos lados da raia e unha reflexión sobre a cooperación cultural entre Galicia e Portugal que, como sinala, “aínda que é obvia e natural, aínda queda moito por potenciar”.

Financiado pola Fundaçao para a Ciéncia e a Tecnología (FCT) do goberno portugués, o proxecto que desenvolve este investigador do Centro de Estudos da Comunicaçao e Sociedade da Universidade do Minho tivo como primeira meta “facer un mapeado das redes existentes, nacionais e internacionais” no país veciño, así como “atopar boas prácticas coas que tentar transformar o panorama”, xa que, ao seu xuízo, “un dos problemas das políticas culturais portuguesas é esa falta de entendemento e de relación co outro, que fai que en 40 anos de democracia non sexa posible observar a existencia dunha política cultural coherente e consistente”. E como para “transformar o panorama nacional temos obrigatoriamente que analizar o panorama internacional”, Gama puxo en marcha o 2CN-CLab, un ciclo de encontros itinerantes que, coa colaboración do grupo de investigación CP2, chegou nesta xornada ao campus.

A creatividade como motor para o avance

“A idea deste laboratorio creativo é promover unha discusión próxima con diferentes profesionais e universidades” salienta Gama das xornadas que en Pontevedra abordaron o papel da creatividade como vía para “potenciar diferentes formas de cooperación entre os axentes culturais”. Inauguradas polo vicedecano José Pita, quen puxo de relevo que “a creatividade é un dos valores máis necesarios nas sociedades que buscan evolucionar”, este encontro abriuse coa presentación do proxecto por parte de Gama, trala que tivo lugar un coloquio sobre boas prácticas, moderado polas profesoras Montse Vázquez e Ana Belén Fernández Souto. Coloquio que ás experiencias da plataforma para a innovación social 4iS, impulsada no seo da Universidade de Aveiro, e do Museu do Abade de Baçal, de Bragança, da man de Joao Rosa e Ana Luísa Gonçalves, respectivamente; xunto con Marta Guirado, de Taller Abierto, e Horacio González, do colectivo Escoitar.org. Trala súa participación, o encontro pechouse afondando na experiencia de colaboración interrexional que supoñen os Xogos Galaico-Durienses, da man do responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, Javier Rial.

O encontro co outro como un xeito de medrar

“A cooperación permite o coñecemento do outro, que todos xuntos poidamos construír algo novo”, salientou Gama nunhas xornadas nas que puxo de relevo que, “nun mundo global como o que existe hoxe, a relación co outro é fundamental”. Nese senso, salientou a importancia tanto da cooperación “a microescala” como da de carácter transnacional, que é precisamente o ámbito no que actualmente pon o foco esta investigación, que analiza iniciativas como a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, para posteriormente estender o foco ao ámbito europeo e iberoamericano. De aí que o propósito destas xornadas itinerantes non sexa outro que “poñer en contacto a diferentes axentes e intercambiar experiencias”, como tamén destaca Montse Vázquez. “O obxectivo é establecer relacións de colaboración nun proxecto que prevén seguir desenvolvendo nos próximos anos”, sinala a investigadora principal do grupo CP2, que incide en que “a cultura é algo que nos conecta a todos, polo que sempre poderemos atopar puntos en común”.