DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Foro Vigo Innovación crea un espazo de reflexión para atopar solucións coas que saír da crise

Cooperación intelixente para axudar a Vigo a reinventarse

Xosé H. Vázquez presentou un estudo sobre a innovación na cidade feito entre Universidade e Zona Fra

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 10/01/2012

Atopar novas formas de traballo e colaboración para superar a crise económica. Ese é o obxectivo fundamental co que Zona Franca da vida ao Foro Vigo Innovación, un punto de encontro entre sectores económicos, sociais, culturais e institucionais no que reflexionar sobre o novo modelo produtivo que a cidade debe seguir para mirar cara a diante. Un novo xeito de traballar no que a palabra clave debe ser a innovación. “Fabricar futuro é cousa de todos. Mellorar a produtividade en moitos casos non chega nin para sobrevivir, necesítase innovación na vida empresarial, na forma de traballar e na de facer negocio. Non podemos esperar a que chegue un mecenas: Vigo ten un conxunto de posibilidades tremendo e debe de buscar as oportunidades”, explicou o reitor Salustiano Mato durante a apertura das xornadas. Unha tarefa na que Zona Franca e Universidade de Vigo van camiñar da man. “Nos somos un axente máis e poñemos a nosa capacidade ao servizo das necesidades do tecido empresarial”, recalcou.

Máis de 300 expertos de distintos eidos participarán durante dous días no Foro para estimular unha profunda reflexión sobre a situación actual que leve a trazar a senda sobre a que planificar un futuro no que se una a “forza individual e grupal amparada na marca de Vigo”. “Nas últimas décadas a cidade foi unha referencia en dinamismo empresarial e emprendemento. Sen embargo, os cambios tecnolóxicos e a globalización disparan a rivalidade internacional e os vellos paradigmas cambian unha velocidade vertixinosa que ás veces supera a nosa capacidade de asimilación. Nestas circunstancias Vigo necesita reinventarse para ser visible”, subliñou Mª Teresa Pisano, delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Tres veces máis en I+D que en innovación

Ese replantexamento pasa pola aposta pola innovación para acadar unha vantaxe competitiva significativa. Como punto de partida, o estudo Diagnose da situación da innovación en Vigo e a súa área de influencia feito pola Universidade de Vigo e Zona Franca e presentado por Xosé Henrique Vázquez, director do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos. O traballo analiza o estado da I+D+i, o capital humano, a colaboración entre axentes, a capacidade de innovación e a necesidade de mellorar a xestión medioambiental. As conclusións son claras: Vigo creceu en valor engadido dende 2001, pero en menor medida que cidades de referencia como Madrid ou Barcelona. “Alguén estase a quedar coa porción do pastel que nos correspondía e que se transforma en termos de emprego”, aclarou Vázquez.

Cunha especialización en transporte, automoción, granito e téxtil seis veces superior á media nacional, cun 0,55% Vigo inviste tres veces menos que o resto de España en I+D+i. Un esforzo financeiro non equitativo, xa que por cada euro de diñeiro público mobilízanse 10 euros privados en I+D pero so 3 euros en innovación, que sería a capacidade “para levar ao mercado as nosas invencións ou melloras”. Ademais, Vigo conta cuns recursos humanos ben formados pero destina poucos doutores a labores de investigación (apenas un 5%), en parte polo baixo investimento en I+D. O resultado é un posicionamento razoable en innovación organizativa e de procesos, pero moi por debaixo da media en produtos. “Temos moi bos resultados en excelencia operacional e sen embargo estamos baixo mínimos na venta de novos produtos. Somos bos facendo o que sabemos, pero cústanos facer cousas novas”, subliñou o profesor.

O Foro servirá para centrar propostas en obxectivos estratéxicos que contemplen as capacidades individuais e colectivas e que favorezan o cambio de modelo produtivo. Unhas solucións que pasarían por reinventar a cidade diversificando a produción aproveitando fortalezas previas, como a industria naval ou da automoción, desenvolvendo novas tecnoloxías e promocionando espazos onde experimentar e coñecer de primeira man as innovacións.