DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimos días para visitar a exposición de Rosa Brun no espazo expositivo da Facultade de Belas Artes

A cor e o volume inundan as paredes da Sala X

Ademais de mostrar as súas obras, a artista impartiu docencia no Máster de Creación e Investigación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 27/04/2012

Deixarse seducir polo xogo de cores e de volume. Ese é o efecto que produce no público a exposición da artista madrileña Rosa Brun, que, ata o próximo 4 de maio, se pode visitar na Sala X. Un total de seis obras de gran tamaño “inundan de cromatismo” o espazo expositivo de tal xeito que a súa proposta artística “provoca unha lectura que se estende máis aló do visual, ata o mental”. Convidada polo decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, esta artista madrileña conta cunha destacable traxectoria no mundo da arte contemporánea e mantén unha presenza habitual en coleccións públicas e privadas, así como en feiras de arte.

Rosa Brun acudiu ao campus pontevedrés para impartir un obradoiro práctico no Máster de Creación e Investigación en Arte Contemporánea, visita que se aproveitou para convidala a expor na Sala X como complemento á parte docente. “Deste xeito, os alumnos e alumnas poden coñecer a práctica artística de Brun de preto e en directo, entendendo mellor o que quere achegar coas súas obras”, aclara Mar Caldas, comisaria do espazo. Brun seleccionou para o espazo tres traballos pictóricos de gran formato e outros tres de obra volumétrica e en todos eles borra as barreiras entre escultura e pintura, atravesando os límites dos obxectos. Como se comentou na inauguración, son pezas que continúan na súa liña artística dos últimos anos, baseada na creación de grandes superficies pintadas “dotadas dun cegador monocromo ou compostas por dúas ou tres franxas de cores contrastadas” e en relación harmónica. Tanto é así, que, segundo destaca o decano da Facultade de Belas Artes, “as obras funcionan como unha familia e esa vinculación que as une provoca que o sentido do percorrido pola sala sexa fundamental nesta mostra”.

A pesar das formas simples e da disposición “case matemática” que emprega na mostra, Brun logra que o espectador teña unha confrontación física coas pezas, “mantendo unha tensión que nos remite ao momento mesmo da creación e nos traslada a estados inconscientes”, apunta Meana. Deste xeito, os críticos de arte non consideran o seu traballo como unha ventá pola que contemplar o mundo, “senón pola que se pode coñecelo”.

Mmmmmh! 8 praceres visuais

A proposta artística de Rosa Brun poderase visitar ata o vindeiro 4 de maio para deixar paso á seguinte exposición, Mmmmmh! 8 praceres visuais, que se inaugurará o xoves 10 de maio ás 20.00 horas na Sala X. Comisariada por Mar Caldas, a mostra exhibe as propostas de oito artistas emerxentes titulados recentemente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.