A actuación terá lugar na Igrexa de San Francisco de Ourense
O coro do campus e o grupo Aba Taano ofrecerán o xoves un concerto benéfico
Destinado a recadar fondos a favor da asociación Música para Salvar Vidas
O xoves 21 de abril, ás 20.45 h, na Igrexa de San Francisco, no Parque de San Lázaro de Ourense, terá lugar un concerto benéfico a cargo do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Catorum e do coro africano Aba Taano. O seu obxectivo é recadar fondos a favor da asociación Música para Salvar Vidas.
Música para Salvar Vidas é, segundo se define a propia asociación, unha pequena oenegué creada en 2005 en Kireka, Uganda, onde se axuda a nenas e nenos e mozas e mozos a “ter un futuro digno no seu propio país”, formándoos para ser capaces de desenvolverse e atopar traballo nel. Nesta educación, o “carácter tremendamente terapéutico da música e a danza é crucial” para axudar a nenas e nenos. Neste contexto, o seu coro de góspel Aba Taano, que conta con once premios internacionais, percorre o mundo recadando fondos para a asociación.
Satisfeitos por participar nesta iniciativa, Ruth González, directora do coro do campus, explica que “o que imos facer é unha colaboración co coro Aba Taano. No concerto, primeiro cantaremos nós algunhas cancións, logo eles cantarán outras e remataremos compartindo escenario e interpretando xuntos unha peza africana”. Segundo sinala a responsable da formación coral, que na actualidade conta con arredor de 40 membros procedentes da comunidade universitaria e de fóra dela, esta actuación terá un carácter especial pois será a primeira benéfica despois do parón de actividade provocado pola covid-19. “Antes da pandemia participabamos en actividades solidarias e agora gustaríanos volver a retomar ese tipo de actuacións que tanta satisfacción nos dan”, comenta Ruth González.