DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concerto este mércores 15 de xuño ás 20.30 horas no Centro Cultural Novacaixagalicia

O Coro Universitario homenaxea ao poeta Antonio Fernández Morales

Coa estrea absoluta de varias pezas orquestradas polo compositor Carlos Cambeiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/06/2011

A Universidade de Vigo rende homenaxe este mércores ao poeta berciano Antonio Fernández Morales nun concerto no que o Coro Universitario estreará en exclusiva varias pezas musicalizadas do escritor. Para a ocasión, a institución académica encargou ao compositor e profesor do Conservatorio Superior de Música da Vigo, Carlos M. Cambeiro a orquestración de tres textos do poeta do século XIX que levan por título o nome de tres localidades do Bierzo: Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca.

Da man do Coro, acompañado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, estas tres pezas verán a luz por primeira vez, para ser recollidas tamén no segundo disco que o Coro Universitario está a gravar na acualidade e que sairá á rúa tras o verán.

Da tradición á estrea mundial

O acto, presentado e conducido polo profesor e escritor Anxo Angueira, constará de dúas partes diferenciadas. A primeira parte, cun repertorio no que o Coro Universitario repasará diferentes estilos dende a música tradicional galega ata o tango ou unha versión moi especial de Mary Poppins. Para estas pezas estarán acompañados ao piano por Jesús Moares, polo grupo de gaitas Noitarega e polos bailaríns Miguel Zurita e Nerea Sotelo.

Será na segunda parte do concerto no que se renda homenaxe ao poeta Fernández Morales coa estrea das tres pezas musicalizadas e adaptadas por Carlos Cambeiro, ao que a Universidade encargou este traballo de orquestración. Xunto coas pezas do homenaxeado, o Coro ofrecerá tamén no seu repertorio Malenconía, texto de Alfredo Brañas e música de Enrique Lens adaptado e orquestrado polo propio Cambeiro e Repinicos, con música de Faustino R. Núñez e orquestración tamén de Cambeiro.

Un defensor do berciano

Antonio Fernández Morales, nado en Astoroga en 1817 pero criado en Cacabelos foi un recoñecido escritor en lingua galega, entre cuxas obras cabe destacar o seu primeiro poema en lingua galega, O fiandón da aldea. En 1861 publicou Ensayos poéticos en dialecto berciano, cunha introdución sobre linguas, dialectos, subdialectos e xergas e sobre a orixe do berciano, asinada por Mariano Cubí y Soler, autor de varias obras filolóxicas. Esta obra componse de 8000 versos distribuídos en 15 poemas en berciano e un bilingüe castelán-berciano, eminentemente de temática costumista e describindo multitude de tradicións como romarías, xogos, festas, etc no que é unha importante representación da lingua e cultura berciana.

Militar de profesión, en 1868 participou na sublevación que derrocou a Isabel II. Ascendido a xeneral, foi gobernador militar de Toledo en 1870 e deputado do Partido Radical. En 1876 publica Ensayos poéticos, en castelán.

O concerto do Coro Universitario de Vigo comezará ás 20.30 horas no teatro sala de concertos do Centro Cultural Novacaixagalicia este mércores 15 de xuño con entrada libre ata completar aforo.