DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Igrexa de Santa María Nai quedou pequena para acoller ás 300 persoas que acudiron á súa actuación

O Coro Universitario supera con éxito a súa posta de largo na cidade

O concerto tivo lugar o domingo no I Encontro de Coros Universitarios Campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 06/06/2011
Foi un éxito rotundo. De público, de participantes e de calidade artística. Así de satisfeitos se amosan os compoñentes do Coro Universitario Schola Cantorum do campus de Ourense despois da celebración este domingo da súa posta de largo na cidade cunha actuación na Igrexa de Santa María Nai. O recinto quedouse pequeno para acoller ás arredor de 300 persoas que se achegaron a gozar da primeira actuación desta agrupación ante o público xeral e fóra do contexto universitario. Foi nun concerto conxunto co Coro da Universidade de Vigo no marco do I Encontro de Coros Universitarios Campus de Ourense.

“A actuación do domingo marca un fito na historia do campus, pois foi o bautismo dunha nova actividade xa consolidada que pasa a enriquecer o panorama cultural da cidade, como acontece coa Sala Alterarte e coas mostras de teatro MITEU e MOTI”, salienta Xabier Álvarez, director do coro. Na mesma liña, María Lameiras, vicerreitora do campus, quere destacar que “para o campus de Ourense é un orgullo este coro e foi unha enorme satisfacción ver a excelente acollida que lle dispensou a cidade este domingo”.

Mestura de estilos

A actuación tivo unha primeira parte na que o coro ourensán, composto por 35 cantores, interpretou temas habituais do seu repertorio, un repertorio onde se inclúe música popular universal, desde a africana ata a italiana, música popular galega, música sacra e música pop de diferentes estilos, como pezas moi coñecidas de bandas sonoras. Trala súa actuación, tocoulle a quenda ao Coro da Universidade de Vigo, que ofreceu un repertorio clásico centrado na obra de Vivaldi. “Foron dous concertos nun, moi rico en diversidade”, explica Álvarez.

Para boa parte dos cantores do Coro Universitario Schola Cantorum, entre os que hai membros do alumnado, profesorado e antigos alumnos, foi a primeira actuación fronte ao público xeral e ofrecendo un concerto completo, pois as súas actuacións ata o de agora limitábanse ás intervencións que realizan habitualmente nos académicos do campus. A todo eles, o director do coro quere transmitirlles a súa felicitación porque a actuación a nivel artístico tivo unha gran calidade.

Con este concerto, os responsables do coro, nado no curso académico 2009/2010, queren comezar a estreitar lazos coa cidade de Ourense e incrementar a súa presenza nela. Ademais agardan que a propia comunidade universitaria comece a valorar máis a música coral e se involucre máis co seu coro. Para dar diversidade ás voces, o director da agrupación quere animar especialmente ao alumnado masculino a achegarse a esta iniciativa, pois a súa participación é tradicionalmente moito menor que a feminina.